Calendarios filolóxicos

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

LUGO CIUDAD

13 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

En decembro de 1965 publicouse en Lugo un calendario —para 1966— insólito no xénero, tan insólito que era o primeiro en lingua galega. Titulábase Platero e mais eu e, na folla de cada mes, figuraba un capítulo, traducido ao galego, do celebérrimo libro de Juan Ramón Jiménez Platero y yo. Colaboraron, como tradutores, entre outros, Ramón Otero Pedrayo, Ricardo Carballo Calero, Celso E. Ferreiro, Xosé Luís Méndez Ferrín e Xohana Torres, e ilustraron esas prosas líricas, cos seus debuxos, Manuel Colmeiro, Isaac Díaz Pardo, Laxeiro, Mercedes Ruibal, Virxilio... Ánxel Fole asinou a páxina prologal e o pintor lugués Saturno Lois debuxou, para a portada, un fermoso burriño moi juanramoniano, e todo isto materializouse en Cartonajes ANMI, obradoiro de Ángel Gómez Camarón, mestre socialista represaliado no 36, onde se facían caixas e bandexas para doces e que dispuña dunha pequena imprenta artesanal. Eu coordinei os textos literarios, ademais de traducir un capítulo do libro e redactar unhas efemérides literarias.

De 1965 a hoxe pasaron case sesenta anos e téñense publicado bastantes calendarios en idioma galego, pero ignoro se algún tivo a intención e a concepción cultural e reivindicativa do singular calendario lugués. Hai días chegou ás miñas mans o editado pola Universidade de Vigo para o ano 2023. Aínda que diferente do de 1966, lembra, forzosamente, aquel calendario pioneiro. As doce páxinas, as dos meses do presente ano, constitúen, ao meu ver, unha especie de guión para un curso de Sociolingüística galega. Trátase de debuxos humorísticos de Davila, con indispensables e agudos textos que suxiren reflexións sociolingüísticas non só dentro do ámbito universitario. Non sei se o excelente debuxante foi asesorado por profesionais da Filoloxía, mais o que si sei é que o calendario está a ter moito éxito entre os letraferidos.

É de elemental xustiza felicitar, sobre todo nos tempos que corren, á Universidade de Vigo, máis concretamente á Vicerreitoría de Extensión Universitaria, responsable da edición e, dun xeito moi especial, a Luís Davila, xa, de cheo, na historia dos debuxantes sociolingüísticos.