Lugo entregou as súa Medallas de Ouro, un «acto de gratitude» con Darío Xohán Cabana, Auxilia, a Sociedade Filarmónica, a Ramón Falcón e o Campus Terra

L.G.C. LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Durante o acto a alcaldesa anunciou que o Concello apoiará que se lle adique ao escritor lucense o Día das Letras Galegas 2023

30 nov 2022 . Actualizado a las 16:48 h.

Como «un acto de gratitude colectiva para con aquelas persoas, colectivos e institucións cuxa implicación en mellorar a vida e o benestar dos cidadáns é incontestable». Así definiu a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o valor das Medallas de Ouro da Cidade, que este mércores se entregaron no MIHL nun evento cargado de emoción. Darío Xohán Cabana, a título póstumo; Auxilia; a Sociedade Filarmónica; a Ramón Falcón e o Campus Terra foron os galardoados desta edición.

Un minuto de silencio como recordo á asasinada Cristina Cabo Buján deu comezo á gala de entrega dos premios, uns galardóns que «son un xesto necesario que lles debemos a todos eles para intentar corresponder a súa entrega, xenerosidade e talento».

A viúva de Darío Xohán Cabana recibiu o galardón a título póstumo ao escritor
A viúva de Darío Xohán Cabana recibiu o galardón a título póstumo ao escritor ALBERTO LÓPEZ

Darío Xohán Cabana

Cando se cumpre un ano do pasamento do escritor, a cidade de Lugo quixo render tributo a Darío Xohán Cabana, figura ilustre das letras galegas e «un dos nosos veciños máis relevantes e queridos», dixo Méndez. «O amor de Darío por Lugo plásmase nas súas obras - lembremos a Fraga Amurallada, que o mesmo autor definiu como ‘un canto a Lugo a través da súa historia, e sobre todo, da súa historia en vivo’, pero tamén plásmase na súa traxectoria como traballador do Concello de Lugo, onde desempeñou durante trinta anos unha función encomiable e sabia en favor de impulsar a cultura na nosa cidade».

Logo de destacar a súa faceta como escritor, Méndez subliñou o «inmenso baleiro» que deixou nas letras e na cidade e sinalou que «agora tócanos a nós, reivindicalo e traballar para que sexa recoñecido en todos os ámbitos onde brillou con luz propia». A medalla, engadiu Méndez, era unha «obriga que a cidade tiña con el», e anunciou que o Concello apoiará que se lle dedique ao autor de Cospeito o Día das Letras Galegas do 2023.

«Un recoñecemento no ámbito local (o que se lle fará na Mosqueira) que debe estenderse ao resto de Galicia, dedicando o Día das Letras Galegas, 17 de maio, ao noso benquerido veciño polo seu compromiso evidente e firme coa nosa lingua e literatura. Sería unha das mellores formas de honrar a súa figura, polo que avanzo todo o apoio do Concello para que así sexa». Foi a viúva do escritor quen recolleu o galardón nun acto no que tamén estiveron presentes os seus fillos.

Méndez, entregando a medalla a Auxilia
Méndez, entregando a medalla a Auxilia ALBERTO LÓPEZ

Auxilia

Auxilia, o colectivo que loita por derrubar barreiras arquitectónicas e mentais, foi una das entidades galardoadas. Dela destacou a alcaldesa o seu tesón por conseguir que os demais se poñan no lugar das persoas con diversidade funcional, así como o seu intenso traballo por lograr unha cidade máis amable con todos os colectivos. Mención especial tivo Méndez con Aquilino e Nuria, dous dos seus integrantes.

Ramón Cabarcos recolleu a medalla da Escola Ramón Falcón
Ramón Cabarcos recolleu a medalla da Escola Ramón Falcón ALBERTO LÓPEZ

 Escola Superior de Arte e Deseño Ramón Falcón

Con medio século de historia ás súas costas, a Escola Superior de Arte e Deseño Ramón Falcón foi outra das premiadas nesta edición. Foi o seu director, Ramón Cabarcos, o encargado de recoller o presente nun acto no que Méndez destacouo «forte compromiso na transmisión de coñecementos tanto do equipo directivo como do profesorado».

Méndez subliñou o feito de que máis de 5.000 alumnos saíran xa das aulas do centro, entre os que están o grafiteiro Diego As. Estudantes cunha «sólida formación académica pero tamén con competencias emocionais para contribuír, coas súas ideas e creacións de gran valor, a fortalecer a nosa economía e a crear emprego e riqueza local».

Entrega da Medalla de Ouro de Lugo á Sociedade Filarmónica
Entrega da Medalla de Ouro de Lugo á Sociedade Filarmónica ALBERTO LÓPEZ

 Sociedade Filarmónica de Lugo

A programación de concertos e a difusión da música no municipio fixeron merecedora da Medalla de Ouro de Lugo á Sociedade Filarmónica, que cumpre xa 75 anos. Grazas á formación, subliñou a alcaldesa, pasaron pola sala de audición do Círculo das Artes de Lugo as Cámaras de Israel, Múnic, Viena, Versalles, Berlín, París ou Moscova; a Real Filharmonia e Sinfónica de Galicia ou as sinfónicas de Alemaña, Madrid e Bilbao. «A oportunidade de escoitar en directo na nosa cidade grupos e solistas tan prestixiosos debémoslla ao traballo incansable das directivas desta Sociedade», unha formación da que reseñou o entusiasmo.

Antonio López recibiu o galardón en nome do Campus Terra
Antonio López recibiu o galardón en nome do Campus Terra ALBERTO LÓPEZ

Campus Terra

A Universidade de Santiago, concretamente o Campus Terra, foi recoñecido pola súa dinamización da cidade e da provincia e o seu impulso na creación de emprego innovador. «O Campus Terra é un referente social e científico, non só en Lugo senón en toda Galicia e no resto do ámbito nacional, naquelas áreas de coñecemento vinculadas á sostibilidade económica e medioambiental do uso da terra e dos recursos naturais», subliñou a alcaldesa.