A nosa Conchita

xulio xiz

LUGO CIUDAD

29 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O presidente de Aspnais, José Reigosa, falou de «a nosa Conchita», cando a entidade que preside lle erixiu a escultura de José Molares que a reflicte de xeito maxistral agarimando a un rapaz que representa a todos os daquela institución. Conchita foi a imaxe de Aspnais mentras gozou de saúde.

Por iso Reigosa pode falar de que foi «a mellor de todos» os que pasaron por aquela gran casa. Para quen saiba o que é Aspnais, Conchita era esencial pedra angular, dedicando o seu saber e poder á atención destas persoas entrañables, traballadoras e alegres, como comprobará quen as visite. Para os que facíamos Televisión Lugo, Conchita foi a compañeira máis alegre, elegante e garimosa que tivemos, sempre cos seus rapaces na memoria, e fixemos un Marathon televisivo a prol de Aspnais conquistados por Conchita.

Lugo ten que axustar contas con esta lucense especial e, aínda téndolle concedido a Medalla de Ouro, falta que lle dedique unha rúa como todos os que a queremos pedimos e agardamos. Non se adoita nomear a persoas vivas, pero as excepcións de Novo Freire e Ramos Misioné son perfectos antecedentes. Conchita merécea, e o Concello ten que asumilo.

Unha cidade con rúas para montes e ríos, pobos e cidades, o prado ou o centolo, o cruzamento ou a magnolia, ten que incorporar nomes de lucenses relevantes para humanizar a nosa xeografía urbana. Agardemos que se atendan as peticións que apareceron. Poucas persoas como Conchita se volcaron a prol dos discapacitados en tempos nos que precisaron tanta axuda. Se a nosa Conchita é de Lugo e de todos os lucenses, ten que ter unha rúa co seu nome para homenaxeala