
O traslado da sede do Vicerreitorado da universidade en Lugo destrúe un emblema da cidade
21 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.O desmantelamento do Campus de Lugo por parte do equipo reitoral é un feito progresivo e disimulado que comezou no mandato anterior reducindo persoal non docente e acordando o traslado da Facultade de Formación do Profesorado, feitos que ou pasaron inadvertidos ou preocuparon pouco tanto ao profesorado como as autoridades e aos lucenses en xeral, pois só manifestaron a súa oposición os pais dos nenos escolarizados na Anexa.
O Consello Social da Universidade mantén unha colección editorial de discursos dos reitores de xeito que, cando un reitor remata mandato, recompílanse os seus discursos nun libro que edita o Servizo de Publicacións e Intercambio Científico (SEPIC). No volume dedicado a Darío Villanueva, para os mandatos 1998-2002, no último discurso de San Tomé do 28 de xaneiro de 2002, pronunciado no Complexo Docente do Campus de Lugo, referíndose ao edificio da vicerreitoría ao presentalo á sociedade lucense, dixo que era outro proxecto agarimado polo equipo reitoral, que a Universidade quixo sempre que fose emblema da súa presencia e labor en Lugo, así como da nosa contribución ó rexurdimento da cidade histórica, circundada por un monumento extraordinario que xa forma parte do Patrimonio da Humanidade por decisión da UNESCO. Coa actuación do actual equipo, queda claro que se destrúe esa boa intención.
A Vicerreitoría do Campus de Lugo
Este servicio foi creado sendo reitor Darío Villanueva tendo distintas denominacións, como “Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo”, “Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo” ou, simplemente, “Vicerreitoría do Campus de Lugo” que tivo sempre a un vicerreitor cun equipo de dúas ou tres persoas como “adxuntos á vicerreitoría” ou “adxuntos ao vicerreitor”, coas que compartía a xestión do Campus.
Dáse unha excepción no mandato do reitor Juan Viaño, durante o cal hai en Lugo tres vicerreitores, o correspondente ao Campus de Lugo, que se encargaba tamén da coordinación do equipo, e outros dous que asumían distintas competencias do mesmo que contou, ademais, con outros vicerreitores con competencias para todo o conxunto da Universidade.
Nas eleccións de febreiro deste ano o actual reitor, Antonio López Díaz, conformou un equipo reducindo as vicerreitorías de 9 a 6, de xeito que as dúas de Lugo, Organización Académica e Coordinación do Campus de Lugo, con sede na casa de Montenegro, fusionáronse na Vicerreitoría de Organización Académica e Campus de Lugo, agora trasladada, fusión coa que claramente o campus lucense perde peso.
Xogar coas palabras
Xogar coas palabras para agachar a realidade dos feitos é demasiado habitual na linguaxe utilizada polos políticos, pero suponse que os responsables dunha institución universitaria non posúen esa calidade porque non teñen que render contas diante a sociedade senón á súa comunidade, composta por profesores, persoal administrativo, subalterno e alumnos, anque a título individual, e como cidadáns, teñan ou militen nunha ideoloxía.
Dicir que hai unha reestruturación de usos é non dicir nada, porque o traslado dos servicios e do persoal que os atendía na casa de Montenegro é evidente, e para que non se note moito o peche do edificio ordearon manter as portas medio abertas, diríamos a media asta, que como a bandeira simboliza o loito polos caídos, este si, pero non vergoñento, podémolo interpretar como o principio dunha morte anunciada.
Os feitos non axudan a dar credibilidade ás promesas do futuro uso cultural da casa de Montenegro, pois os alumnos de Teatro do IV Ciclo que ensaiaban no salón de actos, que son persoas maiores de 50 anos, mandáronos para Veterinaria.
Reclamacións interesadas
Certo é por desgracia, que estes asuntos como interesan a moi poucos, son os partidos políticos os que como representantes do pobo se deben ocupar deles, defendendo a calidade dos servicios públicos cada día máis deteriorados, pero observamos que poñen máis entusiasmo cando son oposición que cando gobernan os seus. Convén advertir que estas reclamacións poderán parecer sen dúbida ben intencionadas, pero tamén o son interesadas, e neste caso algúns dos que agora protestan tamén teñen o seu historial.
Como a memoria e selectiva compre dicir que nas vésperas das últimas eleccións autonómicas, ante a falta de proxectos realizados, non así prometidos, era preciso mostrar algo, e como non había o entón delegado da Xunta, José Manuel Balseiro, de feliz recordación, coa colaboración do conselleiro da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, tamén xogaron coas palabras para, en lugar de facer o Centro da Romanización de Galicia no cuartel de San Fernando, ofrecernos unha obra imposible, un Parador-Museo, categoría que non figura na Lei de Museos e Outros Centros Museísticos de Galicia que só contempla tres categorías: museos, coleccións museográficas e centros de interpretación do patrimonio cultural. Nin rastro do tal Parador-Museo.
Xogar coas palabras foilles rendible para os promotores deste engano que hoxe gozan dunha cadeira no Parlamento de Galicia. Da sucursal prometida do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) no Pazo de Dona Urraca e a súa rehabilitación nunca mais se soubo, nin se saberá ata o ano que ven. Agardo con expectación que coellos sacaran entón da chisteira, porque tampouco agora teñen nada que inaugurar.
A parte dun proxecto como oferta
O da tenda que nos ofrece o reitor no edificio da Vicerreitoría, é a mutilación ou a parte dun proxecto que se agacha e que de ser completo podería compensar a desaparición da sede da vicerreitoría para a que no seu momento o Concello aportou, para o conxunto, 600.000 euros, pero que parece que tampouco se quere facer.
A Universidade ten solicitado á Consellería de Educación, Cultura etc., que se lle dea a categoría de Museo ao conxunto arqueolóxico da Domus do Mitreo, moi visitado por certo e con proxección internacional pola súa importancia, onde se acharon centos de pezas de distintas épocas, algunhas das cales poderían ser exhibidas no edificio dándolle así un novo uso, útil e de interese non só para a economía da propia Universidade, senón tamén para o desenvolvemento do turismo cultural na cidade, pero, segundo parece o reitor tampouco está pola labor. Boa proba é que só falan da tenda.
Así que faría ben o equipo de goberno municipal e os partidos presentes no Concello, aos que lles demos e daremos o ano que ven o voto para que traballen pola prosperidade da cidade, que abordasen o asunto por este flanco. O outro, polo que parece, con este equipo xa non ten solución.