As malas mulleres

María L. Sández

LUGO CIUDAD

08 nov 2022 . Actualizado a las 18:58 h.

As malas mulleres, o libro de Marilar Aleixandre que xa fora galardoado co Premio Blanco Amor de novela no ano 2020, conságrase, agora, co Premio Nacional de Narrativa. Este merecido recoñecemento contribuirá non só a que esta novela sexa máis lida e valorada, senón tamén a recuperarmos a lembranza de tempos e personalidades de noso que son descoñecidas para unha parte importante da poboación.

Atravesamos rúas co nome de Galeras sen sabermos que esa é a denominación que, desde comezos do século XVII, se deu aos cárceres de mulleres; cruzamos a rúa Juana de Vega na Coruña e visitamos, nas nosas cidades, perfumerías co nome de Arenal, expansión daquela primeira, pequeniña, de Lugo, na rúa Concepción Arenal; mais pouco se coñece das personalidades vibrantes que se agochan atrás deses nomes, baleirados, en grande medida, de significado cando se penduran nas placas das rúas e prazas.

Marilar Aleixandre xa deu a coñecer, anteriormente, outras historias e personalidades femininas do século XIX galego, cun ensaio sobre Emilia Pardo Bazán e un texto con forza narrativa, alento lírico e forza ensaística sobre a personalidade fascinante de Juana de Vega. Mais, nesta novela, personaxes históricos coma Concepción Arenal, Juana de Vega ou Pepa a Loba cobran vida para achegarnos á vida das mulleres na cadea nun século XIX profundamente patriarcal, e fano con toda a forza engaiolante e envolvente da narrativa ficcional.

Se tivésemos un sistema cultural potente non pasaría desapercibido o potencial desta historia para o cinema. Polo de agora, na facultade de Ciencias da Educación de Santiago de Compostela, as alumnas organizan un club de lectura arredor dunha novela na que se albisca o xermolo e a esperanza dun mundo mellor que o que encerraban as paredes da cadea.