Lugo homenaxeará a Darío Xohán Cabana: unha escultura e o seu nome a un tramo da Mosqueira

Lorena García Calvo
Lorena García Calvo LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Darío Xohán Cabana paseando xunto á súa casa en Romeán
Darío Xohán Cabana paseando xunto á súa casa en Romeán OSCAR CELA

O escultor Caxigueiro creará na praza un conxunto escultórico con versos escollidos pola familia

08 nov 2022 . Actualizado a las 13:43 h.

Lugo honrará a Darío Xohán Cabana. A cidade na que o académico, escritor e tradutor desenvolveu boa parte da súa traxectoria profesional e vital profesaralle unha homenaxe dedicándolle un conxunto escultórico e bautizando co seu nome o tramo final da Praza da Mosqueira, concretamente, o paseo mixto de herba e pavimento que está próximo á porta de San Pedro.

A concellería de Cultura de Lugo, logo de falalo coa familia, anunciou os pormenores da homenaxe. Será o artista Caxigueiro o que se encargará de crear un conxunto escultórico que se localizará ao final da Praza da Mosqueira e que contará con versos do poeta seleccionados pola súa propia familia. Ademais, ese tramo final da zona peonil pasará a chamarse Paseo Darío Xohán Cabana.

«Darío Xohán Cabana foi unha das persoas máis relevantes na defensa da lingua e da cultura galegas. Lugo débelle a Darío un agradecemento pola súa implicación e pola importancia que a súa obra tivo para Lugo e para Galicia», sinalou a concelleira Maite Ferreiro. Hai que lembrar que o académico traballou durante máis de 30 anos na área de Cultura do Concello de Lugo. «Foi un orgullo para este Concello contar coa súa experiencia, sabedoría e bonhomía», engadiu Ferreiro.

Darío Xohán Cabana finou o 17 de novembro do 2021 aos 69 anos. Tras el deixaba unha importante produción que incluía dende a tradución da «Divina Comedia» de Dante a obras líricas como «Vinte cadernos» ou novelas tan senlleiras como «Galván en Saor».