O BNG de Lugo convoca unha nova mobilización para pedir un tren digno

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Néstor Rego xunto a Arroxo, Felipe Rivas y Álex Penas
Néstor Rego xunto a Arroxo, Felipe Rivas y Álex Penas CEDIDA

Presentarán emendas aos orzamentos do Estado, nas que piden melloras na liña coa Coruña e unha conexión con Santiago a través de Curtis-Ordes

08 nov 2022 . Actualizado a las 18:05 h.

O BNG de Lugo volverá a saír ás rúas da cidade para reivindicar un tren digno, logo da boa acollida que tivo unha cita similar hai unhas semanas. A cita en Lugo coincidirá co día no que no Congreso se celebre o debate das emendas aos presupostos do Estado, e no que o Bloque presenta varias iniciativas coas que pretende mellorar as inversións previstas polo Goberno para a provincia de Lugo.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e o tenente alcalde de Lugo e candidato á Alcaldía nas vindeiras eleccións municipais, Rubén Arroxo, presentaron este martes as emendas rexistradas aos Orzamentos do Estado para incrementar os investimentos previstos para 2023 en Lugo.

Reclaman superar o déficit histórico en materia de infraestruturas (conexión ferroviaria entre Lugo e Santiago, modernización da vía Lugo-A Coruña ou rematar a A-54) así como garantir que o Goberno do Estado cumpra os seus compromisos como a creación de tres novos xulgados de violencia de xénero en Galicia, un deles en Lugo. Así mesmo, avanzan a convocatoria dunha nova mobilización na cidade lucense, coincidindo co debate dos Orzamentos do Estado, para reclamar un tren digno.

Mellora do tren Lugo-A Coruña

Entre as enmendas rexistradas pola organización nacionalista destaca a referida á modernización e electrificación da liña ferroviaria Lugo-A Coruña, «co fin de mellorar a mobilidade apostando por un transporte sustentable e a conectividade do interior da Galicia coa área atlántica a través do transporte público».

Tren Lugo-Santiago

Así mesmo, o deputado do BNG no Congreso fixo especial fincapé na emenda pola que se crea unha nova partida para posibilitar a conexión ferroviaria entre Lugo e Santiago de Compostela, enlazando as estacións de Curtis e de Ordes. «Mediante a construción deste traxecto de tan só 27 quilómetros de vía, poderíase conectar de maneira directa a cidade de Lugo con Santiago e viceversa. Lugo é a única cidade do País que aínda, a día de hoxe, carece desta conexión ferroviaria», explicou Rego.

O BNG tamén reclama que se incrementen as partidas para rematar as obras pendentes da A-54, entre Lugo y Santiago. «É necesario dar un impulso decidido no investimento para que non se sigan sumando retrasos nunha infraestrutura tan necesaria para conectar Lugo co resto do país», explicou Rubén Arroxo, quen indicou que si se aumentasen as partidas da autovía podría estar acabada a finais do 2023, e non no 2024 como indicou hai uns días o Goberno.

Melloras na N-6 en Lugo

O candidato á Alcaldía de Lugo tamén se referiu á necesidade de levar a cabo as obras para mellorar a incorporación na N-6 ao seu paso pola cidade de Lugo. Concretamente  desde os puntos quilométricos 501 até o 505. «É necesaria a construción de novos carrís de acceso na altura da avenida das Américas até Garabolos, así como iniciar un estudo para o seu desdobramento», indica Arroxo.

Xulgado contra a violencia machista en Lugo

«Para atender adecuadamente os casos de violencia machista é preciso crear novos órganos xudiciais especializados repartidos no territorio que permitan dar cobertura e sen longos desprazamentos as necesidades das mulleres vítimas de violencia de xénero», afirmou o deputado do BNG no Congreso. Neste sentido, a organización nacionalista demandará durante a negociación dos Orzamentos que se aprobe a partida proposta como emenda para a creación de tres novos xulgados na Galiza, un deles na cidade de Lugo, para loitar contra a violencia de xénero.

Cabe lembrar, explicou Rego, que a creación deste órgano estaba prevista no Acordo de Investidura: «Este é o último exercicio orzamentario da lexislatura e os partidos que conforman o Goberno deben cumprir os compromisos adquiridos».

Mobilizacións para defender os intereses de Lugo

O candidato do BNG á alcaldía, Rubén Arroxo, fixo balance das accións executadas polo BNG durante o último ano coa campaña Lugo Quere Tren, «campaña coa que conseguimos o apoio de máis de 4.000 veciñas e veciños de Lugo, que asinaron para reclamar ao Goberno do Estado un tren digno». A través desta campaña, o BNG realizou distintas mobilizacións, congregando en Lugo a centos de persoas o pasado venres 28.

Neste sentido, Arroxo anuncia que o BNG convocará unha nova mobilización para reclamar un tren digno, que coincidirá co debate dos Orzamentos do Estado. «O momento de reclamar melloras é durante o debate dos orzamentos, é cando se poden cambiar as cousas e o BNG estará defendendo os intereses de Lugo desde o Congreso, e desde a cidade de Lugo defendendo que Lugo teña un tren digno», destacou o candidato.