Xabier Díaz voou no San Froilán de Lugo

Lorena García Calvo
Lorena García Calvo LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

O músico encheu a praza de Santa María cun gran concerto que supuxo o inicio das festas

05 oct 2022 . Actualizado a las 11:31 h.

A distancia que separa A Pobra do Brollón de Lugo foi o traxecto que percorreu Marisol para acudir por vez primeira a un concerto. Engalanouse para ver a Xabier Díaz «poñerlle a mecha» a este San Froilán do 2022 cun espectáculo de hora e media no que o artista, ben rodeado, fixo pegamento cunha praza de Santa María ateigada.

Non escolleu mal Marisol. Ao contrario. Viu sobre o escenario unha posta en escea sobria e elegante que deixaba todo o protagonismo para as voces, as pandeiretas, os pandeiros e o baile. Porque en Lugo Díaz non estivo só. As Adufeiras de Salitre escoltárono unha vez máis coas súas voces empastadas, fortes, vivas, lustrosas e agarimosas e coa súa arte coas pandeiretas e os pandeiros na man. Eses instrumentos aos que ás veces arrincan paixón e aos que outras veces arrincan mimos. 

Baixo os focos de Santa María soou o violonchelo de Margarida Mariño e a voz das pandeireteiras de Cantigas e Frores, que xogaban na casa e se sumaron á foliada, unhas veces serea e outras vibrante, que se organizou sobre o escenario, ese particular torreiro no que Ruth e Rebeca puxeron en práctica o que significa ser bailadora. Xa tocaran maneos ou punteadas. O que lles botaran. 

E no centro desa constelación, un Xabier Díaz que domina como poucos a arte de facer sinxelo o complicado. Como se a pandeireta fose unha prolongación natural das súas mans e imprimirlle á voz a dozura, a tensión ou a intensidade necesaria para cada peza xurdise das súas entrañas de natural. Sen esforzo. Díaz é un artista e volveuno demostrar nun Lugo ao que regalou vivas e un anaco de felicidade. A súa música voou, como o vento e o aire, sobre a cidade bimilenaria.