As moscas do polbo que bautizaron a Mosqueira

Lorena García Calvo
Lorena García Calvo LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

As casetas do polbo, aos pés da Mosqueira na primeira década do século XX
As casetas do polbo, aos pés da Mosqueira na primeira década do século XX Archivo de Pepe Álvez

O cubo máis senlleiro da Muralla de Lugo débelle o nome a unha tradición vencellada ás feiras de San Froilán

05 oct 2022 . Actualizado a las 09:46 h.

As polbeiras regresaron á Mosqueira. Non en carne e oso, senón transmutadas nunha escultura de bronce de preto de dous metros que honra a figura daquelas mulleres que durante décadas alimentaban co senlleiro prato a cantos se achegaban á feira a Lugo. Mulleres que, sen pretendelo, acabaron, cos seus actos, dando nome ó cubo máis identificativa da Muralla.

O San Froilán xurdiu das feiras e festas do gando que se retrotraen séculos atrás, e o consumo de polbo, tamén. Durante anos, a que hoxe en día é a Praza Maior era o punto da cidade que acollía a celebración das feiras. Foi tralo segundo terzo do século XVI cando se trasladaron aos campos de San Pedro e San Roque, o que hoxe é a praza Mártires de Carral.

En Lugo, o día 1 de cada mes celebrábase a feira de gando, e había unha grande, a anual, que arrancaba o 4 de outubro e se prolongaba dez días. Durante ese tempo a cidade era un fervedoiro de xente que necesitaba alimentarse, así que as mulleres, cos seus caldeiros do polbo, instalábanse na zona e despachaban o produto.

Pero co avance das sociedade tamén chegaron novos modos de hixiene e a finais do século XIX abundaban as protestas veciñais polo forte olor que xeraba o polbo. Por aquel entón, o produto curábase e deshidratábase, e antes de cocerse, somerxíase en auga para que recuperara a consistencia. Esa auga, así como a da cocción, acababa derramada no chan e xeraba un cheiro insoportable que, segundo recolle algunha crónica da época, se prolongaba ata tres meses. Ese olor nauseabundo atraía ademais ás moscas, insectos que acabarían dando nome á Mosqueira.

«A finais do século XIX xa se xuntaban todas as polbeiras ao pé da Muralla, traían o polbo curado, hidratábano e cocíano. E como o cheiro da auga atraía tantas moscas, de aí provén o nome da Mosqueira», describe o historiador Adolfo de Abel Vilela.

Como a situación se volvía insostible, a finais do século XIX o Concello buscou unha solución e decidiu facer uns furados no chan recubertos con cal nos que as polbeiras podían tirar a auga. Así se comezou a poñer remedio a unha situación que levaban arrastrando tempo. É difícil dicir ata onde se remonta a tradición de consumir polbo en Lugo, pero sinala Adolfo de Abel que xa no século XVI había unha ordenanza de bo goberno que establecía os prezos do peixe, entre eles, o do polbo.

O novo campo da feira

Foi no ano 1917 cando se inaugurou o novo campo da feira de Lugo, que abranguía dende o edificio onde hoxe está Telefónica ata o que é o Vello Cárcere. Unha zona ampla na que se instalaron tamén as polbeiras, que colgaban o polbo en arames para curar ou secar e empregaban mesas feitas de táboas. Aquelas mulleres eran parte fundamental dunha feira na que o gando, sobre todo o equino e o bovino, eran os grandes protagonistas e que aínda hoxe, décadas despois, segue honrándose, aínda que sexa dun xeito ben diferente.

Los churros de Os Pepes, en Lugo

Dónde se pueden comer churros en Lugo este San Froilán

lorena garcía calvo

El San Froilán de Lugo es sinónimo de pulpo, barracas y conciertos. Pero para algunos también de algodón de azúcar, garrapiñadas o churros. Los amantes de estos últimos si quieren degustarlos dentro del recinto ferial, podrán hacerlo al inicio de Rodríguez Mourelo o en las inmediaciones del pabellón, pues son los dos lugares en los que la churrería que pujó 82.000 euros por los puestos se ha instalado. Pero más allá de las churrerías portátiles, en la capital lucense hay dos lugares de referencia para degustar el clásico dulce: Os Pepes y La Modernita.

Seguir leyendo