
Actividades para familias, mozos, libros, música, exposicións e festas
08 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Este xoves día 8, inicio do curso escolar, pódese participar nalgunhas actividades ao aire libre.
A compañía Alta Gama ofrecerá o espectáculo de clown «Adoro». Será ás 18.00 horas na Praza de Anxo Fernández Gómez. O espectáculo está recomendado para todas as idades.
Ás 19.30 horas, na Praza da Milagrosa, seguen as actividades de danza urbana que promove a Concellería de Xuventude, neste caso coa música do pinchadiscos Marcos Peón.
Tamén ás 19.30 horas, no Vello Cárcere, será a presentación do libro «Puertas del Camino», do que son autores Jorge de Vivero, Pepe Tejero e Roberto Díaz.
E pola noite, no pub Clavicémbalo, Mr. Hathaway ofrecerá un concerto de homenaxe a Amy Winehouse. A banda está formada por músicos lucenses con ampla experiencia e hoxe interpretarán varios dos temas da famosa cantante falecida en xullo do 2011.
A historia do Parlamento a través dunha exposición
«O poder da palabra. 40 anos do Parlamento de Galicia. 1981-2021» é o título da exposición que se inaugurará hoxe na sede de Afundación en Lugo para repasar os feitos máis salientables das catro décadas de vida do Lexislativo galego, desde a súa constitución, o 19 de decembro de 1981 no Pazo de Xelmírez, ata a actualidade.
Entre outros documentos, na exposición é posible contemplar a «Proposta de Consello de Galiza» de Castelao, datada arredor de 1943 e cedida pola Biblioteca da Fundación Penzol. Poderá visitarse de luns a sábado, de 17.30 a 20.30 horas, ata o 8 de outubro.
Os Remedios en Sarria
Hoxe é festivo local en Sarria, onde se celebrará a romaría dos Remedios. Haberá unha misa ás 13.00 horas, con procesión e sesión vermú, animada por La Favorita, que tamén estará na verbena, xunto á orquestra Cinema. As merendas campestres serán as protagonistas todo o día. Na capela actuará ás 19.00 horas a cantante María do Ceo, co espectáculo titulado «A Fadista, Concerto de Fado e outras músicas». A festa segue mañá venres cunha misa á unha da tarde, con procesión. A orquestra Tokio tocará na sesión vermú, así como na verbena, xunto con Cordosom.