Elena Candia: «Necesitamos arrasar para gobernar en Lugo, por iso é necesaria a unidade»

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Elena Candia xunto á ponte romana de Lugo
Elena Candia xunto á ponte romana de Lugo AINHOA GARCIA

A candidata do PP á Alcaldía cre que a cidade debe ser acolledora coas persoas que veñen do resto da provincia e non poñer impedimentos aos veciños que queiran desenvolver o seu traballo

20 ago 2022 . Actualizado a las 19:19 h.

Elena Candia López (Mondoñedo, 1978) vai a por todas e quere ser alcaldesa de Lugo. Experiencia política non lle falta e afirma que ten coñecemento dos problemas da cidade precisamente polas diferentes responsabilidades que foi asumindo desde que no 2011 substituíu a Xosé Manuel Barreiro como voceira do PP na Deputación.

A dirección do PPdeG xa deu o visto bo á súa candidatura ás eleccións municipais do 27 de maio do 2023 e agora, caderno en man, vai anotando todos os problemas que lle sinalan os veciños cos que se atopa nas rúas e as posibles solucións. Desde hai un tempo xa vive en Lugo e ten presentados os trámites de empadroamento na cidade.

—Entende que haxa veciños de Lugo que vexan estraño que se presente unha persoa con pouca vinculación coa cidade, que a poden ver como unha paracaidista?

—A miña experiencia deume axilidade para adaptarme a todas as circunstancias. Teño experiencia teórica e práctica que me deu máis valor para asumir esta responsabilidade. Escoitáronse as palabras dos restos de grupos políticos máis que as miñas palabras, e creo que houbo imprudencia da oposición sobre a miña persoa. Desde o ano 2011 o meu lugar de traballo foi a Deputación. Lugo foi obxecto do meu traballo e dedicación. Quen pretenda dedicarse a unha labor política ten que ter claro a proximidade e a presenza, e por iso Lugo tivo o meu traballo desde ese ano e foise intensificando, cando no 2015 fun presidenta da Deputación e no 2016 asumín a presidencia do principal partido na provincia. Logo estiven dedicada ao estudo e defensa dos principais problemas da cidade, como reunións co ministro cando se tratou a irrenunciable conexión coa alta velocidade ou cando en Madrid traballamos para desbloquear os trámites que permitisen o proxecto para o barrio da Residencia, vital para a cidade. Creo que son dous exemplos gráficos. Unha cidade deste nivel necesita de xente preparada e que teña experiencia na xestión, e que sinta que o lugar que vai a xestionar e defender o leva na cabeza e no corazón. Necesítanse políticos comprometidos ca cidade e eu teño na miña axenda a Lugo, e polo que me din os lucenses anónimos, a cidade necesita un cambio.

—A súa candidatura é unha operación política con riscos persoais.

—Nunca fun unha persoa que elixín a política por interese persoal. E nesta operación, como di, se pode ver de maneira gráfica. Represento a un partido co que me identifico. Non significa que nalgún momento non teña as miñas discrepancias, pero deféndoas con argumentos, e ás veces ata convenzo, pero a nivel persoal é un traballo de entrega, de asumir responsabilidades en función do equipo que decida, non o mellor para min, senón para o proxecto político que represento. Pode ser difícil entender que desde unha vicepresidencia do Parlamento decida ir a un reto apaixonante, pero son persoa municipalista por vocación e convencemento. Houbo outras opcións que tiven enriba da mesa, e sempre pensei que onde podo ser máis útil aos lucenses é nunha administración local e neste caso nun concello polo que levo traballado moitos anos e co que creo que podo liderar un proxecto transformador e que corrixa as deficiencias e carencias que identifican moitos lucenses. A política é un período de tempo, non é unha opción vital para xubilarse.Tes que estar se a xente queres que esteas. É unha responsabilidade e un reto, poñendo con humildade encima da mesa todo o que fun aprendendo. Temos claras opcións de que saia ben. E se non é así, con dignidade non pasa nada. En todo o que toquei ou todo no que entrei o meu obxectivo é deixalo mellor que cando me fun. Por exemplo poño en valor a etapa na Deputación, cando non había bipartito estable, e cambiamos a maneira de facer política dando aos concellos un plan único, logo de moito diálogo e esforzo entre PP e PSOE.

«Pode ser difícil entender que desde unha vicepresidencia do Parlamento decida ir a un reto apaixonante, pero son persoa municipalista por vocación e convencemento»

—Hai quen di que non lle quedou máis remedio que presentarse porque pasaban os meses, saían moitos nomes e había risco de fractura no partido, co que necesitaban alguén que aglutinara vontades.

—Se uns e outros me identifican como a candidata da unidade, é un dos principais piropos. Son consciente de que no meu partido necesitamos arrasar, porque noutros partidos séntense gañadores con 2 de 25 edís. O meu proxecto político necesita arrasar para poder ter opcións de goberno. En calquera partido as divisións internas pasan factura, pero no caso do PP é letal. Si se me identifica como a candidata da unidade, é un piropo, porque é o piar máis forte e sobre o que pivotar o resto do proxecto. Non oculto que sinto unidade, e que se foi construíndo e traballando, porque son necesarias todas as sensibilidades.

—No seu proxecto teñen cabida persoas do actual grupo municipal ou Quique Rozas?

—Para conseguir unha maioría absoluta, que é o noso reto, ten que contarse absolutamente con todo o mundo. Calquera líder que aspire a ser bo líder, ten que poñer a cada un no lugar onde dea máis de si, e que traballe motivado e que saiba complementarse uns cos outros. Este será o meu papel, xunto ao equipo e xente que me axuda. Entre todos vamos a intentar acertar, e  iso só se consigue escoitando moito, con interese a todo, ademais de contar con estudos sociolóxicos e estatísticos que son complemento para a toma de decisións. Temos un exército enorme, que motivado, eu estou convencida que é imparable, que levan demostrado unha fidelidade e xenerosidade e entrega ao noso proxecto e que se percibe unha gran ilusión. Ese caudal de confianza e de motivación teño que xestionalo con intelixencia para acertar.

—E fixo unha análise para saber que pasou para que leven desde 1999 sen gobernar en Lugo.

—Non houbo un único erro e dependendo de cada momento houbo diferentes razóns. Teñoas identificadas e estudadas. Hai aspectos que afectan sempre, como o valor da marca, unhas veces máis alto e outras máis baixo. Houbo momentos en que o balón deu no poste, e vencedores e vencidos foron por 500 votos nunha cidade tan grande en poboación. A clave está en non desmotivarse, porque cando se perden os gobernos hai xente que se desilusiona, persoas que se apartaron, incluso que se enfadaron... Xestionando iso creo que temos moito avanzado, unido a que neste momento temos un gran líder a nivel nacional, que estou segura que chegará a gobernar o Estado. E iso inflúe nas grandes cidades e vai ser un aliciente. Cando o lucense vote o 27 de maio, pode dar o goberno da cidade de Lugo ao mesmo proxecto político da Xunta de Galicia e en curto prazo ao Goberno de España. Cada momento municipal tivo as súas circunstancias e sen menosprezar o traballo de todas as persoas que me antecederon nesa responsabilidade e sen infravalorar o seu resultado.

—Buscarán votos en caladoiros de Cs, Vox, descontentos...

—Incluso na abstención. Hai unha porcentaxe importante que temos que ser capaces de motivar. Temos que traballar con esas persoas descontentas porque un cuarto de século de socialismo e nacionalismo tivo tempo matematicamente para dar a esta cidade o mellor de si. O que non deron en 25 anos, non creo que o vaian a dar no 26. Non veño a enfrontarme a ninguén, non vou entrar en provocacións e descalificacións que van a suceder e xa sucederon. O que vou a facer é traballar, como veño facendo desde o 2011, poñendo enriba da mesa o noso proxecto.

«Temos un exército enorme, que motivado, eu estou convencida que é imparable»

—E os que din que se presenta como trampolín para chegar á Deputación.

—Eu puxen o mellor de min en cada responsabilidade. Hai xente que apunta a iso porque viron comportamentos noutra xente. Chámame a atención as críticas de Rubén Arroxo sobre a miña persoa, cando precisamente el, co seu voto, permitiu que gobernase Lara Méndez, que era a candidata do PSOE a ir á Deputación. Eu para el son indigna de presentarme. e mentres e co seu voto permitiu a entrada da alcaldesa.

Elena Candia, paseando por Quiroga Ballesteros logo de mercar o pan
Elena Candia, paseando por Quiroga Ballesteros logo de mercar o pan AINHOA GARCIA

«Lugo ten que ser unha cidade acolledora e hai que dar facilidades ás persoas que veñen de fóra»

—Cales son os principais problemas que ten a cidade.

—Como cidadán, a Administración local non é colaboradora, é difícil de traballar con ela, de chegar a ela. Desde trámites sinxelos, como un certificado común, ata un bloqueo nun departamento tan clave como a área de urbanismo, decisivo para o desenvolvemento económico coa concesión de licencias. Por outra parte, o desenvolvemento sostible veu para quedarse, é un imperativo transversal e as políticas respectuosas co medio ambiente teñen que ser a nosa prioridade, pero tamén é certo que se usa esa bandeira, duns e doutros, nunha pelexa improvisada para ver quen é máis verde, quen peonaliza máis... Non se poden facer proxectos de costas á cidadanía e de maneira improvisada. Non pode ser que un pequeno autónomo merque un local e monte o seu proxecto de vida e dun día para outro lle monten diante unha valla e logo un carril bici. E agora ve como baixa a facturación do seu negocio e sen ningún tipo de previsión, sen alternativa, causando danos irreparables e convertindo a cidade en incómoda. Lugo sempre foi unha cidade moi acolledora, de miles de lucenses que viñeron doutros concellos da provincia e somos unha cidade de servizos. A xente do resto da provincia ven aquí a facer xestións, e toda esa xente que ven en coche, ten que ter comodidade para vir a traballar, xestionar, mercar... Eu recoñezo que o reto da xestión do tráfico no casco histórico é difícil, pero todo ten que facerse co dialogo, respectando aos repartidores, ás persoas que decidiron apostar por esta cidade, e non unha pelexa poñendo carteis. Pero claro, se estás pendente dos problemas que tes na casa, non resolves os que teñen os veciños. Moito falar de consenso e diálogo, pero logo na práctica brilla pola súa ausencia e gobernan a golpe de decretazo, e de xeito tan improvisado para que o socio de goberno non se entere. A partir de aí, temos unha cidade cunha carga impositiva moi alta. O IBI está entre os tres primeiros máis altos de España. Logo dunha pandemia e unha crise económica con inflación tan alta, hai que ter máis en conta ás persoas, e non como sucede coas listas de espera do Servizo de Axuda no Fogar, que son das máis altas.

«Temos unha cidade cunha carga impositiva moi alta. O IBI está entre os tres primeiros máis altos de España»

—Vamos, que faría un carril bici ou unha peonalización, pero doutra maneira.

—O PP deixou as mellores peonalizacións, e non é mérito de Elena Candia. E deixou zonas verdes para a práctica de ciclismo e de paseo como o Rato ou o Paseo do Miño. Os grandes cambios, os que son de calado, deben de facerse con consenso e sen improvisación.

—Ven a súa man detrás dos últimos conflitos na cidade, como o auditorio, a praia fluvial ou o cambio de voto no PXOM.

—Eu colaborei para que Lugo tivera un auditorio, e se ven a miña man aí, están acertados. Pero a xente protesta que o auditorio estea pechado. É inconcebible que estea así tras unha inversión de millóns de euros, que se faga unha recepción, e logo dun mal entendemento do bipartito, siga pechado. A calquera cidadán tenlle que caer a alma aos pes ver como un edificio cun investimento enorme esta sen abrir. Cando as cidades de Galicia piden ter un auditorio, Lugo permitise a soberbia de telo pechado. Por outra parte, se en 25 años, os PSOE e BNG non foron capaces de darlle unha praia fluvial a Lugo, a película das pelexas coa Xunta, non cola. Se os técnicos da Xunta ofreceron en distintos lugares e posibilidades para un espazo de praia fluvial segura para os bañistas e respectuoso co medio ambiente, e non se escolleron, e por outra parte, se licitan obras sen permiso, o razoamento obxectivo é que realmente non a quixeron facer. E sempre que se achegan as eleccións municipais sacan do caixón a praia fluvial, e logo pausan os proxectos para buscar a confrontación. Lugo merece e necesita un equipo de goberno que vexa no resto de Administracións colaboración. Sempre empregan aos lucenses para darlle labazadas ao presidente do PP que toque. Hai que sacarse a camiseta ideolóxica cando se traballa en proxectos necesarios para os lucenses. E pretender culpabilizar a un técnico que informa, é pouco crible e insultante como cidadá. Cando Lugo promoveu a manifestación «Lugo non perdas o tren», en Madrid gobernaba o PP, e os primeiros que nos pegamos de maneira clara á pancarta e coa voz alta a esa reivindicación, fun eu e os meus compañeiros.

—E que postura ten sobre o futuro de San Fernando. Segue vixente para vostedes que sexa un parador ou debe de ser o museo da romanización.

—A alcaldesa xa fixo unha posta en escena de que tiña financiación suficiente para facer o seu proxecto. Vamos a esperar que o faga. É normal, teñen o Goberno de Madrid e hai moitos cartos para a rehabilitación do inmoble. Eu creo que xa podía estar feito. Estamos no mesmo, pasaron varios mandatos e o edificio foise deteriorando, e sacárono á luz para buscar confrontación. Veremos si se consolida a proposta e valoraremos o que presente, e se non é así, no noso programa ten que ter un apartado claro sobre o noso pronunciamento. A proposta que fixemos hai tres anos era boa, e había unha achega económica e de colaboración coa Conselleira de Cultura, e que foi desprezada. Enriba da mesa se puxeron solucións e orzamento, e desbotouse, e ata a data non se fixo nada e a rehabilitación canto máis tempo pasa, máis custa.

—Que é o plan Paradai?

—Realmente é unha prioridade? Hai determinados tópicos que a esquerda quere poñer como cousas negativas e nós temos que rachar con iso. Nós non podemos apostar por estigmas que non fomos capaces de rematar. Rachar con ese pasado que non nos deu ningunha rendibilidade política e ser capaces de presentar con proxectos novos, prácticos e facendo un punto e aparte. Se emprego o mesmo sistema que se usou no pasado non nos vai saír ben. Necesitamos un toque de innovación e meter conceptos, plans e formas de traballar novos, probablemente algúns sacados da miña experiencia local. Hai tres ou catro aspectos onde claramente temos que dicir que imos a facer, pero o Plan Paradai, de entrada, non é unha prioridade.

Elena Candia acudindo ao mercado dos venres na Praza de Abastos
Elena Candia acudindo ao mercado dos venres na Praza de Abastos AINHOA GARCIA

«Son unha galeguista convencida»

—Cal é a zona de Lugo que máis lle gusta?

—A min gústame atravesar a cidade andando, que é unha forma de motivarme. Gústame o paseo pola Muralla, onde me sinto cómoda. Tamén o Rato, que agora está un pouco abandonado, porque levan tempo sen mirar por el. E o contacto coa natureza e co Lugo rural. O casco histórico ten un valor patrimonial inigualable, pero tamén hai un rural e unhas zonas para traballar e poñer en valor a nivel turístico sen explotar. Unha zona con encanto é a zona de descanso xunto ao río en Conturiz, que tamén está abandonada. Chegas alí e dáste conta de que estás nun concello con moita riqueza e xorden ideas para facer e para traballar e poñer en valor.

—Un San Froilán que lembre?

—O San Froilán é unha cita obrigada para todos os lucenses da provincia. Salvo un ano por un problema de saúde, vin sempre a todos os sanfroilanes. Lembro a primeira vez que me vestín de galega no Domingo das Mozas e pareceume unha das tradicións máis bonitas, porque recolle o noso pasado, o respecto á nosa cultura, á nosa música, á nosa literatura... Unha ofrenda a Rosalía que me identifica como galeguista convencida que son e sentín que era un San Froilán especial.

A biografía de Elena Candia

Nada en Mondoñedo en 1978 

Licenciada en Dereito pola Universidade da Coruña e doutoranda no estudo de entes locais.

Vicepresidenta 1ª do Parlamento de Galicia desde o 24 de maio de 2022.

No que respecta á experiencia política, foi alcaldesa de Mondoñedo desde 2015 ata marzo de 2020 e voceira do Grupo Provincial do PP na Deputación de Lugo desde finais do 2011, institución na que tamén ocupou a presidencia desde xullo a  outubro do 2015.

A nivel orgánico, desde marzo do 2016 é presidenta provincial do PP de Lugo. Tamén é membro da Comisión de Igualdade da FEMP.

No campo profesional, desde 2005 é a responsable dunha oficiña de seguros en Mondoñedo.