Estes son os cambios nas liñas de bus urbano de Lugo que comezan o venres

Lorena García Calvo
Lorena García Calvo LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

El bus urbano de Lugo
El bus urbano de Lugo ALBERTO LÓPEZ

Os percorridos afectados polos cambios son os 1.2, 1.4, 3 e 5

09 ago 2022 . Actualizado a las 13:49 h.

Un ano despois da súa entrada en funcionamento, e tras comprobar a operatividade das mesmas, catro das liñas de autobús urbano de Lugo sufrirán modificacións. Así o anunciou o tenente de alcalde, Rubén Arroxo, que adiantou que será este mesmo venres cando entrarán en funcionamento as modificacións nas liñas 1.2, 1.4, 3 e 5, pequenos cambios cos que se pretende mellorar as conexións. 

  • Liña 5: Castelo

Un dos dous buses que pasan por Castelo modificará o percorrido conectando a Ronda da Muralla, Ramón Ferreiro e Fontiñas, e cubrindo o HULA. Esta liña cubrirá o Carqueixo cada hora. O percorrido de ida pasará por Castelo, San Roque e a Ronda da Muralla enlazando coa Residencia. Ademais, sinalou Arroxo, «crearase unha liña especial Castelo que permitirá conectar esta zona periurbana co centro da cidade ás 3 da tarde, permitindo á xente ir e volver ao traballo en bus». Esta era una das demandas veciñais.

  • Liña 3: cambio de frecuencias

Esta liña estaba cuberta con dous buses e no último ano puido comprobarse que rexistran un baixo número de usuarios. «Debido a que a zona entre a rotonda da UNED e a de Nadela teñen moi poucos usuarios cada día e unha conexión cada media hora, a partir deste venres aumentamos a eficiencia deixando un bus cada hora nesta zona e aproveitando a quilometraxe para modificar o traxecto e atender a unha serie de peticións veciñais», describiu Arroxo.

O percorrido entre as rotondas da UNED e Nadela ten habitualmente menos de 7 usuarios diarios. Modificando un dos dous percorridos que realiza a liña 3 cada hora, permitirase que o autobús poida pasar por Ramón Ferreiro, atendendo a unha petición da veciñanza do fondo da Avenida de Madrid, continuando ata Sindicatos, e conectando posteriormente a zona de Paradai coa avenida da Coruña. O percorrido de volta conectará Paradai e Fontiñas co campus, dando conexión entre Fontiñas e a zona universitaria cada 30 minutos. A zona entre as rotondas da UNED e Nadela, defende o Concello, «continuará a ter un bo servizo, xa que malia reducirse a frecuencia da liña 3 a 60 minutos, a liña 11 continuará a operar nesta zona».

  • Liñas 1.2, 1.4 e 12: actualizacións

As liñas 1.2, 1.4 e 12 actualizaranse para dar servizo á nova fase do polígono das Gándaras, despois de que esta fase entrase en funcionamento recentemente.

As modificacións do deseño das liñas aprobáronse por unanimidade o pasado mes de marzo na mesa do transporte. «Estes cambios realízanse reutilizando o quilometraxe modificado en zonas con poucos usuarios de bus para redefinir outras liñas e aumentar a eficiencia do sistema de transporte público de Lugo, garantindo que se cumpran os horarios», describíu Arroxo.