María López Sández: «A paisaxe ten unha capacidade de mobilización afectiva moi intensa»

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

OSCAR CELA

A escritora e nova académica desexa que o seu acto de ingreso se celebre na cidade de Lugo

14 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha mensaxe ao seu teléfono móbil, «unha especie de “parabéns, académica”», avisou a María López Sández (Lugo, 1973) de que acababa de ser elixida como membro da Real Academia Galega. Na xornada que a entidade acordaba dedicar o próximo Día das Letras Galegas ao laurentino Francisco Fernández del Riego, a filóloga era designada para ocupar o posto que deixou baleiro Darío Xohán Cabana. «Pareceume bonita a coincidencia dese elo lucense, esa tripla confluencia de Del Riego, Darío e eu», conta a escritora.

—Que experimenta unha cando a elixen académica?

—Pois vivino moi emocionada e moi consciente da responsabilidade que implica, por todo o que é a institución para Galicia e a cultura galega, polos que nos precederon e por tomar o relevo de Darío Xohán Cabana, tamén lucense coma min. Unha das cousas que podemos elixir os académicos é o lugar onde facer o discurso de ingreso e a min gustaríame que sexa en Lugo. É unha institución galega e a representatividade xeográfica tamén é interesante.

—Fala da responsabilidade intrínseca ao cargo.

—A Academia cumpre unha serie de funcións e é unha das institucións importantes para a revitalización da cultura e a loita pola lingua, e nese sentido debe ser unha institución viva, dinámica e na que se fan cousas. Sei que se chega á academia para traballar e contribuír a iso.

—Cal é a faceta na que cre que pode achegar máis?

—Creo que no que máis podo achegar é no que ten que ver coa cultura e a literatura, nun sentido amplo. Eu fun bolseira nun proxecto de lexicografía e como filóloga teño unha formación lingüística, pero a miña especialización fíxose no campo da teoría literaria. Creo que podo achegar tamén o coñecemento e a conexión co ensino e certa proxección ou conexión co exterior, posto que teño formación noutras filoloxías, e nese sentido podo achegar a miña apertura de cara ao ámbito da literatura internacional.

—Xa sabe sobre que versará o seu discurso de ingreso?

—Contemplei dous temas. Atráeme moito a oratoria galega, o estudo do discurso público en galego. Que se trate xustamente de pronunciar un discurso levábame a querer render tributo aos actos de oratoria en galego nun tempo no que, lonxe de ser un acto académico e honorable, era un acto subversivo que podía traer, e trouxo, de feito, duras consecuencias. Por exemplo, os grandes discursos de Otero Pedrayo durante o franquismo. Pero, tras darlle voltas, e tras anos lendo e pensando sobre a paisaxe, sentín que ese é o tema que me ten que acompañar neste momento tan especial. A min gústame moito o ensaio e na tese de doutoramento explorei a paisaxe na propia produción literaria a través de Rosalía, Pedrayo e Ferrín. A miña intención agora, no discurso, é centrarme na paisaxe no pensamento e no ensaísmo galego. Algúns dos que escribiron os ensaios máis importantes sobre a paisaxe son lucenses, de maneira que tamén honraría a esa xeración de ensaístas dos anos 50.

—Que quere dicir cando fala da vinculación entre a paisaxe e a condición simbólica da nación?

—Pódese establecer unha afinidade entre a paisaxe e a lingua polo feito de teren funcionado ambas como principais condicións simbólicas da nación. O sentimento de pertenza ao territorio é algo moi arraigado nos galegos, aínda que, igual que ocorre coa lingua, non sempre isto baste para evitar o desleixo ou para garantir unha acción activa de uso e coidado. A paisaxe ten unha capacidade de mobilización afectiva moi intensa e tamén unha plasmación lingüística marabillosa que se percibe nas páxinas de Otero, de Fole e de tantos outros. A nosa propia memoria biográfica está moito máis vencellada ao espazo que ao tempo, e as ideas de campo e cidade en Galicia, por exemplo, están ateigadas de valores connotativos.

«Preservar a riqueza de Galicia pasa por falar galego»

Filóloga, educadora, escritora, columnista en La Voz. En María López Sández conviven varias facetas entre as que non é quen de escoller.

—Non o vexo como algo separado. Cheguei a todo dende a filoloxía, sinto un pulo moi intenso cara ás linguas, pero o que primou sempre foi o amor á literatura. E cando a literatura significa iso para ti, é un paso moi natural transmitilo e compartilo, e iso enlaza coa dimensión do ensino. Dei clase moitos anos no ensino medio e o que vivín con maior emoción foi o programa lector, darlles aos alumnos e alumnas a posibilidade de ler e escoller entre moitas obras, falar de libros cos rapaces, acompañar o seu perfil lector e promover o seu gusto pola lectura. E por suposto, escribir é unha continuidade e unha culminación dese sentimento cara á literatura.

—Como define a saúde do galego?

—Estamos nun momento decisivo que esixe un compromiso colectivo. Temos unha normativa legal, un paraugas europeo que nos invita a ser ambiciosos en termos de conservación e promoción das linguas. A min preocúpame a deriva dos estudos respecto á mocidade, pero quero pensar que, igual que a mocidade se implica noutras causas, como a preservación do medio ambiente, unha comunicación cara a eles onde se faga comprender que está en xogo a pervivencia do que somos, da lingua e da cultura, pode reverter a situación. Dáme unha pena inmensa o proceso aceleradísimo de perda de diversidade lingüística e cultural e o compromiso con esta causa, en Galicia, é indisociable da decisión de falar galego.

—Cales son os desafíos aos que se enfronta a lingua e, con ela, a Real Academia Galega?

—Hai un reto que ten que ver co ámbito dos medios de comunicación. Necesitamos normalizar a presenza do galego, que haxa produción cultural e audiovisual, e que tamén na rede sexa posible un maior consumo en galego. E para min é clave o que se fai coa educación infantil, creo que aí está a raíz de moitas cousas que estamos a observar.

«A paisaxe ten unha capacidade de mobilización afectiva moi intensa»

A escritora desexa que o seu acto de ingreso se celebre na cidade de Lugo

lorena garcía calvo