Un paseo por Lugo baixo os trazos de Catalán

L. garcía calvo LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

A exposición é visitable no Museo Provincial de Lugo
A exposición é visitable no Museo Provincial de Lugo REBECA

O Museo Provincial acolle ata novembro unha mostra con 121 debuxos de lugares representativos das dúas cidades galegas

11 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

«Todo ou case todo é dunha escala contida, doméstica e accesible para o paseante, porén, a cambio, a súa historia é grande, moi grande, e os importantes arquitectos que aquí traballaron -Andrade, Ferro Caveiro, Casas y Novoa, Bellido, Álvarez de Mendoza, Cobreros, Maquieira...- deixáronnos un legado de valiosísimas arquitecturas de todas as épocas. A través dalgúns deles, durante o barroco, Lugo une a súa historia a Compostela».

Con esas palabras o arquitecto e debuxante Santiago Catalán (Madrid, 1954) resume o fío condutor da exposición que ten en marcha no Museo Provincial. Un compendio gráfico baixo o nome de «Arquitecturas debuxadas Lugo/ Compostela», no que Catalán fai un percorrido por Compostela e Lugo, a cidade que o acolleu aló polos anos 80.

A través de 121 debuxos, Catalán percorre edificios e espazos representativos da arquitectura das dúas cidades. Entre as 54 obras que se fan eco de Lugo, o visitante pode atopar a Catedral, o Concello, a Praza do Campo ou a Muralla. Pero tamén edificios deseñados por arquitectos como Eloy Maquieira e Alfredo Vila, que importaron á capital amurallada o racionalismo, ou Juan Álvarez de Mendoza, Luis Bellido e Nemesio Cobreros.

Esa ollada curiosa e técnica sobre Lugo, tamén se observa nas ilustracións de Compostela, un total de 67 debuxos que ofrecen unha mirada tridimensional ao proceso construtivo.

A mostra, que será visitable ata o 30 de novembro, inaugurouse o pasado xoves nun acto presidido pola vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, que subliñou a oportunidade que supón redescubrir Lugo a través dos trazos de Catalán. «Permítenos facer un paseo visual pola cidade e deter a mirada enespazos, edificios, elementos arquitéctonicos, polos que pasamos a cotío sen reparar nela», sendo ao tempo unha invitación para volver a conectar coa riqueza patrimonial lucense.

A exposición complétase coa proxección dos debuxos recollidos nas publicacións «Arquitecturas Debuxadas. Lugo» e «Arquitecturas Debuxadas», que foron o xermolo do que hoxe é a mostra no Provincial.