Unha semana chea de aprendizaxe e diversión no Campus de Lugo da man do programa Xuvenciencia

PAULA ÁLVAREZ / M. G LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

O programa Xuvenciencia arrincou este luns no Campus de Lugo.
O programa Xuvenciencia arrincou este luns no Campus de Lugo. CEDIDA

O campus de Lugo acolle durante toda a semana aos 95 estudantes, procedentes da ESO, BAC e ciclos medios de FP, que participan neste programa

05 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O Campus de Verán Xuvencia volve con máis ganas e proxectos ca nunca. Ganas por aprender, por formarse, por compartir ideas e experiencias con monitores e compañeiros. O campamento, que dura dende o día tres ao nove de xullo e se desenvolve no Campus de Lugo, arrincou o luns dando paso á tradicional xincana, actividade favorita edición tras edición e que ten como obxectivo facilitar un primeiro contacto entre os xuvencientíficos. O programa ofrece a participación en 16 proxectos de I+D, 13 obradoiros, diferentes concursos e múltiples actividades de lecer para 95 estudantes procedentes da ESO, BAC e ciclos medios de FP. Estes estarán aloxados durante toda a semana nas residencias universitarias do Campus.

A rama científica, tecnolóxica e sanitaria, xunto coas ciencias sociais e as humanidades, serán as máis traballadas durante as mañás dos días 5,6 e 7 de xullo nos proxectos do campus. En cada un deles, poden participar un total de 6 alumnos e todos están relacionados con algunhas das investigacións máis recentes. Segundo Mercedes Novo, coordinadora do grupo de investigación docente da USC, o obxectivo é «facilitar que a mocidade teña a oportunidade de mergullarse nalgunhas das liñas de investigación que se desenvolven no Campus de Lugo». Por exemplo, as de peixe cebra para o tratamento do cancro ou a procura de novas fontes de enerxía mediante fotosítese artificial.

As tardes do campamento están reservadas para os obradoiros, talleres e visitas a empresas e centros científicos e tecnolóxicos coma Finsa, o edificio Impulso Verde ou o Hospital Veterinario Universitario Rof Codina, entre outros. Ademais, tamén o alumnado terá a oportunidade de participar en visitas guiadas polo centro histórico de Lugo, acudir a sesións abertas de teatro ou de introdución a danza na Aula de Danza e Teatro. Polas tardes e noites, está previsto o programa Lumieira Acompaña; este consiste en actividades lúdicas, aloxamento e cena nas diferentes residencias de Lugo. 

Para levar á práctica o aprendido, haberá taller de edición dun vídeo divulgativo, onde cada grupo se encargará da produción, gravación e elaboración da súa propia peza audiovisual que despois presentará no concurso de festival de vídeos do venres día oito. Tamén o último día, a entrega dos premios Aresa Junior e Proxéctate en Galego, xunto co evento de monólogos científicos, precederán a tradicional XuvenFesta encargada de pechar, outro ano máis, o campus.

O estudantado estará en todo momento acompañado polos monitores e para as tardes-noites está organizado o programa Lumieira Acompaña. Os alumnos abandonarán as instalacións o sábado nove pola mañá.