
A miña filla é trans e, do mesmo xeito que podería non selo, éo. Se volvese nacer non querería selo. Ninguén quere para si o cuestionamento, rexeitamento, discriminacións e todo tipo de violencias. Non o elixiu, pero éo. Eu, como nai, tiña dous camiños: apoiar e acompañar a miña filla para que tivese unha infancia e adolescencia dignas de lembrar, ou non. Escollín a primeira opción e nunca me arrepentirei. Nestes oito anos da vida da miña filla pasamos por todo tipo de probas vitais: miradas que cuestionaban da nosa contorna, visitas impostas á saúde mental, presentarse no cole como nena ante os que che chamaban maricón, o acceso a un tratamento médico para non masculinizar, a loita para lograr o cambio de nome e, posteriormente o sexo, no rexistro civil de Lugo e o recente inicio dun tratamento hormonal. E todo pagou a pena. Porque poder ser ti, vivir libremente a túa identidade, compensa. Polo menos a maioría das veces.
En todo este tempo tratei, xunto a moitas familias de Arelas, de sensibilizar e formar a toda persoa que quixese coñecer a realidade da xuventude trans. Fíxeno porque sei que o coñecemento é básico para loitar contra os estigmas e prexuízos. E crin que o estabamos conseguindo porque os logros chegaban a Galicia: apróbase o protocolo educativo de identidade de xénero, a visibilidade imparable da xuventude trans e as súas familias, os centros educativos traballando contra a LGTBIfobia, e como non, o primeiro cambio de sexo dun menor trans a finais do 2016 no rexistro da Coruña, abrindo a porta a moitos máis. Tamén se comeza a traballar por unha lei trans estatal, que anulase a mal chamada «lei trans» do 2007, patoloxizante, tuteladora e que deixaba fóra a menores, migrantes e persoas non binarias. Comezamos xunto a colectivos estatais un camiño duro, pero apaixonante para lograr reparar tanta inxustiza e dor. Parecía que o estabamos logrando.
Nestes días coñecemos que un neno de Ourense logra cambiar legalmente o seu sexo e leo atónita todo tipo de afirmacións e debates absurdos que critican o labor do xuíz, que falan de castracións e «apetencias sexuais» dun neno de oito anos, toda unha infinidade de disparates que me levan á frustración e me retrotraen ao 2014.
Tamén nestes días o Consello de Ministros aproba a lei trans e moita xente cre que xa pode ir o día seguinte ao rexistro civil a «dicir que é muller porque lle compensa», como se isto fose así na realidade. Esta xente non entendeu nada.
Se hai xuíces que conceden o cambio de identidade legal a menores trans é porque teñen que garantir o libre desenvolvemento da súa personalidade e dignidade, teñen que garantir o dereito á intimidade e para evitar repercusións nocivas na súa saúde. Se loitamos por unha lei é porque na práctica non se lles recoñece o dereito a autodeterminación establecido constitucionalmente, pasando por longos procesos que non sempre terminan ben debido á aleatoriedade de criterios xudiciais e profesionais.
Dixo Simone de Beauvoir que os dereitos nunca son adquiridos, que debemos permanecer alerta durante toda a nosa vida. Nisto seguimos e seguiremos.