A orixe hai 350 anos da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia en Lugo

adolfo de abel vilela LUGO

LUGO CIUDAD

Imaxe da ofrenda de 1980, presentada polo alcalde de Santiago, José Antonio Souto Paz (segundo pola dereita), que empregou o galego nunha parte da súa intervención na catedral de Lugo.
Imaxe da ofrenda de 1980, presentada polo alcalde de Santiago, José Antonio Souto Paz (segundo pola dereita), que empregou o galego nunha parte da súa intervención na catedral de Lugo. PEINÓ

O 19 de xuño cúmprense tres século e medio da celebración da primera ofrenda ao Santísimo Sacramento

19 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Na preocupación do Cabido pola escasa iluminación que tiña o Santísimo na catedral de Lugo está a orixe da Ofrenda do Reino de Galicia, que se ven celebrando, só cunha interrupción, desde o 19 de xuño de 1672. En 1669 o Cabido solicitou un donativo á Xunta do Reino de Galicia para atender o culto, de maneira que cada ano, no día da Infraoitava do Corpus, un rexedor en representación das sete cidades do Reino, fixese a oferta na misa celebrada no altar maior, dedicándose a misa dese día á exaltación da fe, saúde dos reis e prosperidade do Reino.

A cantidade ou capital inicial tiña que ser suficiente para que coas súas rendas se puidese atender o gasto de catro velas que ardesen día e noite no altar maior. Na escritura, outorgada o 1 de marzo de 1669, recóllese o compromiso de entregar o principal de 30.000 ducados para comprar cera branca, labrada ou sen labrar, encargando ao rexedor da cidade de Lugo que se fixesen cumprir as súas cláusulas.

Deficiente iluminación

Ao longo dos séculos a catedral de Lugo recibiu donativos e privilexios encamiñados a dar maior realce ao culto. O mesmo clero era o principal benfeitor da fábrica. Así, os beneficiados ao tomar posesión cedíanlle unha parte dos froitos que lles correspondía da súa prebenda. No sínodo celebrado en 1519 e 1520, acordouse deducir a cuarta parte dos froitos dos beneficios vacantes para a fábrica da catedral e para a adquisición de ornamentos, durante o primeiro ano dos novos titulares dos beneficios antes vacantes. A partir do século XVII algúns donativos xa se especifica que son para o altar do Santísimo Sacramento.

Felipe IV por Real Cédula do 8 de xuño de 1659 mandou que lle propuxesen medios para aumentar o culto ao Santísimo e á Virxe dos Ollos Grandes.

Concedeu 200 ducados de pensión perpetua, cargada sobre as rendas da dignidade arcebispal de Santiago de Compostela, desde a primeira vacante, para servizo e luces do Santísimo Sacramento, o que se publicou despois da súa morte ocorrida en Madrid o 17 de setembro de 1665. O arcebispo Pedro Carrillo e Acuña deu o seu consentimento e o papa Clemente IX (1667-1669) confirmouno por Bula expedida o 7 de xaneiro de 1669.

Petición á Xunta do Reino de Galicia

Debido á pobreza do culto que se reflectía na deficiente iluminación, o Cabido acordou dirixirse ás sete cidades do Reino de Galicia para solicitar unha axuda.

A idea partiu do cóengo maxistral Juan Velo, que estivera na Coruña cun rexedor daquela cidade e que lle preguntara se a catedral de Lugo tiña algunha renda concedida en Xunta de Reino, como a que gozaba a do Apóstolo Santiago e que non sería dificultoso que a Xunta lle concedese algunha para o gasto do culto na capela maior onde estaba o Santísimo, presente nas armas do Reino.

Ofrenda en 1985 a cargo do entón alcalde da Coruña, Francisco Vázquez
Ofrenda en 1985 a cargo do entón alcalde da Coruña, Francisco Vázquez PEINÓ

O cóengo Juan Pallares Gaioso fixo o Memorial que se imprimiu para presentar ás sete cidades do Reino. O 27 de decembro de 1668 os cóengos Fernando de Losada e Jerónimo López, foron recibidos no Concello de Lugo onde expuxeron o seu proxecto e solicitaron que se expedisen cartas ás restantes cidades para que concedesen poder aos seus deputados na Xunta do Reino co obxecto de que tomasen un acordo favorable á súa solicitude. O Concello así o acordou e nomeou ao alférez maior e rexedor máis antigo Miguel de Ulloa e Cedrón, como o seu representante na Xunta do Reino, co encargo de que apoiase a solicitude.

O 14 de xaneiro de 1669 deuse conta na Xunta do Reino da petición e o día 19 votouse favorablemente facer a doazón dun capital de 30.000 ducados reunidos por repartimento entre cada unha das sete cidades e provincias, previa autorización de El rei, para conseguir una renda anual de 1.500 coa que mercar cera branca labrada ou sen labrar destinada a que ardesen, día e noite, catro velas no altar maior.

O 22 de febreiro o presidente Juan Pardo de Monzón propuxo ao Reino que nomease e dese poder aos capitulares que no seu nome outorgarían a escritura co Cabido da Santa Igrexa de Lugo para dispoñer a fundación dos 1.500 ducados. A escritura fíxose na Coruña o 1 de marzo de 1669, ante o escribán Pedro Pérez de Cajide, comparecendo Diego de Somoza e Prado e Francisco Rubinos Vaamonde, en representación do Reino de Galicia, e o cóengo maxistral Juan Velo, en representación do Cabido da catedral de Lugo. Houbo dificultades para reunir os cartos, de feito en febreiro de 1673 Ourense e Tui aínda non abonaran a súa parte, e tamén houbo que agardar pola autorización real, por esta razón a primeira oferta tardouse en facer tres anos.

A ofrenda

O 23 de febreiro de 1672 o Cabido recibiu carta de Juan Pardo Monzón, ao que tiñan por benfeitor da fundación, na que manifestaba que lle parecía conveniente que nese ano se fixese a primeira oferta, o que lles pareceu ben, facendo os preparativos para que tivese efecto. O 19 de maio recibiron carta do maxistral Juan Velo escrita na Coruña, na que anunciaba que Juan Pardo Monzón decidira vir a Lugo para facer a ofrenda. Era cabaleiro da Orde de Santiago, do Consello da Súa Maxestade, seu oidor e alcalde maior máis antigo na Real Audiencia do Reino de Galicia e rexedor perpetuo da cidade de Mondoñedo.

O Cabido quixo dar a maior solemnidade ao acto e para iso mandou traer da Coruña ata 200 reás de fogos para o día da Dominica do Corpus. Ese día dixo a misa o mestrescola Pedro Pallares Gaioso, facendo a oferta o oidor no nome do Reino e das súas sete cidades entregando ao bispo frei Juan Asensio, os 1.500 escudos da once reás de vélaro cada un, en dobróns de ouro que lle entregaran o día anterior ante notario, seguindo o mesmo procedemento da ofrenda que se facía ao Apóstolo na catedral de Santiago.

Manuel Fraga Iribarne, ministro de Información y Turismo, con el alcalde de Lugo, Fernando Pedrosa Roldán, de quien recibe en 1969 una reproducción de la muralla. El ministro de Turismo vino a Lugo como delegado regio en la ofrenda del Corpus porque ese año se cumplían los 300 años de la ofrenda del antiguo Reino de Galicia al Sacramento
Manuel Fraga Iribarne, ministro de Información y Turismo, con el alcalde de Lugo, Fernando Pedrosa Roldán, de quien recibe en 1969 una reproducción de la muralla. El ministro de Turismo vino a Lugo como delegado regio en la ofrenda del Corpus porque ese año se cumplían los 300 años de la ofrenda del antiguo Reino de Galicia al Sacramento ARCHIVO CAS

Ao longo do tempo e ata o reinado de Isabel II, no Antigo Réxime, a ofrenda era realizada polo rexedor máis antigo do concello de Lugo se non había outro de calquera das outras seis cidades. En 1809 non se fixo debido á presenza dos franceses na cidade. En 1896 fíxose dúas veces, o 7 de xuño, por Bernardino de Azpiazú, na igrexa do convento de Santo Domingo por estar a catedral pechada por obras, e a segunda tivo lugar na catedral o 26 de agosto con motivo da celebración do II Congreso Eucarístico Nacional, facéndoa o alcalde de Lugo Ramón Iglesias Camino, dándolle a resposta o arcebispo de Santiago José Martín de Herrera.

Sendo bispo frei Plácido Ángel Rey Lemos (1919-1927), suxeriu que cada ano fose unha das cidades a que fixese a ofrenda no nome das demais. Con pequenas variantes é así é como se veu facendo polos representantes das sete cidades desde 1925, excepto na II República (1931-1936), que foi feita por fieis, e en 1969 con motivo do III Centenario da Ofrenda, que a fixo Manuel Fraga Iribarne, ministro de Información e Turismo no nome do xefe do Estado.

O alcalde de Santiago, Sánchez Bugallo, será o oferente deste ano, o domingo 26

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, será o encargado de realizar este ano —cando se cumpren 350 anos da primeira— a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia, unha cerimonia que terá lugar o vindeiro 26 de xuño. Non será a única presenza relevante a este acto xa que está previsto que o arcebispo de Santiago, Julián Barrio, será o encargado de dar resposta á ofrenda que realizará o rexedor local da capital galega.

Prevese tamén a chegada de alcaldes e edís das sete antigas provincias do Reino de Galicia: A Coruña, Lugo, Ourense, Santiago, Tui, Betanzos e Mondoñedo. Nesta ocasión, ademais, como novidade, unha organización de fieis con se en Meira elaborará una gran alfombra floral que cubrirá parte do empedrado da Praza de Santa María, onde se atopa o pórtico norte da Catedral e o Palacio Episcopal.