A Lugo non lle gusta madrugar

Lorena García Calvo
Lorena García Calvo LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Incluso a concorrida avenida da Coruña, a primeira hora da mañá, amosa pouca actividade.
Incluso a concorrida avenida da Coruña, a primeira hora da mañá, amosa pouca actividade. Carlos Castro

A cidade non se espreguiza ata que roldan as nove da mañá, impulsada polas entradas aos centros escolares

24 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Se Nova Iorque é a cidade que nunca dorme, Lugo é a urbe á que non lle gusta madrugar. Para comprobalo basta saír á rúa un día laborable e observar o escaso tráfico que percorre as vías, tanto da periferia como do centro, nas primeiras horas da mañá. Dá igual se é verán ou inverno. E algo semellante sucede coas beirarrúas, semidesertas ata que o reloxo se aproxima aos dous díxitos.

A hora meiga para o espertar da cidade rolda as nove da mañá. É entón cando comeza a espreguizarse empurrada pola entrada aos colexios, garderías e facultades. É xusto nese lapso de tempo, cando as familias deixan aos máis novos na escola, cando un se pode atopar retencións circulatorias nun Lugo no que o tráfico non resulta problemático, máis aló de momentos puntuais en días concretos. Sobre todo, os regados pola chuvia.

Por que Lugo, ao contrario ca outras cidades, non madruga? Posiblemente a explicación está na menor industrialización respecto doutras urbes galegas e as dinámicas das propias empresas. Nos polígonos do Ceao e As Gándaras, por exemplo, a maioría das compañías comezan entre as 8 e as 9 da mañá, e no centro os horarios de arranque son semellantes nun capital marcada polos servizos e a hostalería.

No centro, os empregados públicos son dos máis madrugadores (aínda que a atención ao público non se abre ata as 9, xeralmente) xunto cos hostaleiros ou algúns sectores relacionados coa prestación de servizos. Xestorías e oficinas teñen marcado o arranque habitual entre as oito e as nove. Máis tirando cara o segundo ca o primeiro. O comercio, salvo algún supermercado que abre as súas portas arredor das nove, non acostuma a prender máquinas antes das dez da mañá. E así, uns con outros, van postergando o inicio da xornada.

Se ás 9 da mañá a circulación na Fonte dos Ranchos é case anecdótica, dúas horas despois a situación é ben diferente. Aínda que o tráfico, nun día normal, é fluído, o volume de vehículos é moito máis elevado. E o mesmo sucede nas beirarrúas. Os cidadáns seguen os ritmos que establecen os negocios e os servizos, polo que ata despois das nove da mañá Lugo segue adormecida.

Un dos puntos nos que a esa hora xa a primeira hora se detecta movemento é o entorno do Hospital Lucus Augusti, pero porque as dinámicas hospitalarias seguen os seus propios ritmos.