Alumnos do Galén tenden pontes coas científicas que se formaron no colexio de Lugo

lAURA lÓPEZ LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Os once alumnos de segundo de BAC do Galén que participan no «Habelas Hainas» están facendo un gran traballo de investigación.
Os once alumnos de segundo de BAC do Galén que participan no «Habelas Hainas» están facendo un gran traballo de investigación. CEDIDA

O proxecto «Habelas Hainas», co que participan nun concurso internacional, busca rachar os estereotipos de xénero e atopar referentes próximos de mulleres STEM

15 may 2022 . Actualizado a las 20:17 h.

Rachar estereotipos de xénero no campo das STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) e atopar referentes próximos para as futuras profesionais son algúns dos obxectivos que se marcaron no Centro Educativo Galén, de Lugo, co proxecto «Habelas Hainas», co que participan no concurso internacional «Wisibilízalas», da Universidade Pompeu Fabra.

«A vinculación científica no Galén é moi importante, pero con este proxecto quixemos dar un paso máis», explica Elia Ginzo, profesora de Ciencias da Terra e Bioloxía no colexio e coordinadora do proxecto. De aí que buscaran na traxectoria de exalumnas do centro que seguiron carreiras STEM: «Foi unha nai do colexio, que é química, a que nos propuxo participar no concurso, e decidimos indagar neste campo porque é unha forma de que os alumnos teñan referentes próximos, de persoas que se criaron aquí, que estudaron na mesma aula ca eles», continúa.

A proposta calou enseguida entre o alumnado de segundo de BAC. Trátase de once alumnos de distintas ramas de bacharelato que forman un equipo multidisciplinar e moi motivado, polo que deseguida se puxeron mans á obra co reto das investigacións: buscaron en redes, na súa contorna... e contactaron con elas para propoñerlles a idea, que tivo moi boa acollida entre as científicas.

Entrevistas coas científicas

Deste xeito, con formularios, entrevistas persoais ou on-line, e investigacións, os alumnos foron conformando o currículo destas mulleres: repasan a súa vida académica e profesional, pero tamén a súa propia visión e experiencia sobre o feito de ser muller e dedicarse a unha profesión científica. Ademais, tamén axuntaron unha foto delas de cando eran nenas, «cando todo estaba por facer, pero estaba todo soñado», apunta Elia Ginzo.

Con todo este material, están confeccionando unha páxina web (https://habelashainasgalen.wordpress.com/) para divulgar a traxectoria destas mulleres. Por agora, teñen a 22 científicas (enxeñeiras, físicas, médicas, odontólogas, biotecnólogas, farmacéuticas e veterinarias), pero o proxecto segue aberto e seguirán incorporando máis. «A idea é que isto sexa o principio dun gran referente e que as nosas nenas se poidan ver reflectidas nestas mulleres», continúa Elia.

A importancia de visibilizar o papel das mulleres nas carreiras científicas quedou aínda máis patente tras comezar este traballo: «Nós non vemos que haxa límites, pero ás veces a sociedade si que os ve. De aí algunha anécdota que nos contan, por exemplo, cando unha médica traballa cun enfermeiro, e sempre se dirixen ao home como se fose o doutor», matiza a profesora.

Pero a realidade vai máis aló das anécdotas: «Os números están aí. Entre un 75 e un 80 % do alumnado das carreiras biosanitarias son mulleres, mentres que no ámbito laboral a porcentaxe de mulleres en postos de dirección é ridícula», continúa a coordinadora.

Casos de discriminación

Estes aspectos tamén saíron a relucir nas conversas coas científicas participantes: «Contan moitos detalles e situacións grotescas. Por exemplo, que as voces das mulleres quedan nun segundo plano porque normalmente son os homes os que falan nas reunións, ou tamén un certo paternalismo na presentación dos traballos das mulleres. E todo iso é moi sorprendente para o alumnado, porque realmente iso non pasa na escola, ocorre despois, no ámbito laboral. O que nos leva a preguntarnos que pasa ao saír do colexio para que se adopten esas actitudes», reflexiona Elia.

Aínda que só sexa polas reflexións que xorden arredor deste traballo e pola toma de conciencia de que é necesario cambiar esta situación, o proxecto xa pagou a pena, segundo apunta a coordinadora.

De feito, xa lle están dando voltas á cabeza para darlle continuidade o curso que vén, aínda que non teñen nada pechado polo momento: trataríase de incorporar tamén ao proxecto aos homes científicos e enlazalo cos roles da maternidade e a paternidade no campo das ciencias.