Adeus a Arcadio Casanova, excelente filólogo e poeta

Antón Grande

LUGO CIUDAD

SANDRA ALONSO

O domingo, coa discreción habitual que o caracterizaba, deixounos. No recordo queda a «arquitectura perfecta» que creou nas súas obras

12 abr 2022 . Actualizado a las 22:55 h.

A noticia do pasamento de Arcadio L. Casanova colleume por sorpresa a primeira hora da mañá do luns. Confirmeina ao traveso do poeta Xavier Barrio e posteriormente, co irmán de Arcadio. Un infarto a media tarde do domingo deixounos sin este lucense, filólogo, poeta, escritor e gran intelectual.

Cando rematou a carreira de Filosofía e Letras en Compostela, Arcadio comezou a súa andaina de ensinante no colexio Fingoi, fundado por Antón de Marcos, no que era director outro gran filólogo, Carbalho Calero e no que topou como compañeiros de claustro a Méndez Ferrín e Bernardino Graña.

Marcharía logo para Valencia ao gañar a cátedra de Literatura e aló residiu deica o seu falecemento, ainda que eran frecuentes as súa visitas a Lugo para xuntarse coa familia e saudar aos amigos.

Antes da súa partida a terras mediterráneas foi un dos poetas novos participantes, e gañador tamén dalgúna edición, daquelas Festas Minervais que se celebraban polos anos sesenta do pasado século e que como ben comentou un día, era un xeito de darse a coñecer, pero tamén tiñan un valor de reivindicación do galego nos anos máis escuros do franquismo.

Como poeta pódese dicer que abarcou diversas actuacións que se dan na vida. Así no seu poemario Sonetos de esperanza presentida (1965), retrata a súa infancia; a lírica tradicional reflexouna en Mesteres (1976), co que foi finalista do Premio da Crítica en tanto que Por la oscura potestad (1978), co que acadou a premio Adonais, ofrece as súas meditacións íntimas sobre a morte.

Arcadio L. Casanova definíase como un escritor lento na escritura. Un libro podíalle llevar 7, 8 ou 10 anos escribilo e traballalo porque entendía que debería ser unha arquitectura perfecta, que ten que dar un conxunto armónico para o lector, o que el mesmo definía como macrotexto poético.

Ainda que un pouco tarde, a Academia Galega recoñeceu o seu traballo, nomeándoo Académico de Honra xa que ao non residir en Galicia, non podería ser numerario. O seu discurso de ingreso versou sobre «A modernidade poética de Rosalía de Castro» sendo contestado polo profesor Xesús Alonso Montero, que fora seu xefe do departamento de Literatura no Instituto Masculino de Lugo, hoxe Lucus Augusti.

Arcadio, durante a súa estadía en Lugo, era un habitual da tertulia de Celestino Fernández de la Vega na Cafetería Madrid, á que acudían tamén Novoneira ou Manuel María entre outros. Alí era habitual velo tomando café, tertuliando e fumando un puro, un dos placeres mundano do que gostaba.

Cando marchou para Valencia, regresaba con frecuencia a Lugo aproveitando as vacacións escolares, acudindo mentres que durou á tertulia de Celestino e logo, deixándose ver de paseo pola cidade ou parolando cos amigos que aquí conservaba, entre eles moitos escritores. O domingo, coa discreción habitual que o caracterizaba, deixounos. «Sit tibi terra levis», Arcadio.