Dolores Varela, presidenta de Cantar Delas: «O canto é unha linguaxe de paz e universal»

Félix Jorquera / L.L. LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Cantar Delas cantará en Santa María
Cantar Delas cantará en Santa María CEDIDA

Máis de 300 voces dunha ducia de corais da cidade cantarán o domingo 27 ás 12.00 en Santa María, á vez que cerca dun milleiro de coros de todo o mundo, dentro do proxecto «Coros por la Paz»

26 mar 2022 . Actualizado a las 13:12 h.

Lugo súmase ao proxecto Coros por la Paz, que unirá a milleiros de voces de toda Europa para pedir, a través do canto, a paz en Ucraína e en outras guerras esquecidas. A cita en Lugo será o domingo 27, ás 12.00 horas na Praza de Santa María. Dolores Valera Salgueiro, presidenta de Cantar Delas, é a coordinadora de Coros por la Paz en Lugo, unha iniciativa que naceu en Madrid, da man dunha agrupación coral de Griñón. Esta semana estivo no programa Voces de Lugo, de Radio Voz.

—¿En que consistirá o evento?

—Vai consistir no canto dun canon de Mozart, o Dona Nobis Pacem (Dános a paz). Trátase de que a esa mesma hora, en 43 provincias, en 104 cidades de España, 693 coros cantemos ao unísono esta peza, coa vontade e coa nosa necesidade de pedir a paz para Ucraína e máis para todo o mundo. Hai que dicir tamén que este evento vai traspasar as fronteiras do Estado porque hai implicados tamén 100 coros en Portugal, de 16 cidades; e no resto de Europa, haberá 23 coros en 19 cidades diferentes. Entón, é unha voz, unha protesta e unha petición co que nós temos e sabemos, é dicir, o canto, que é unha linguaxe de paz e universal.

—¿Que corais participan en Lugo?

—As corais da cidade que participan son Asociación de Amigos do Camiño de Santiago, Cantar Delas, Coral Círculo das Artes, Coral Ecos do Miño, Coro do Hospital de Lugo, Coral Polifónica Xolda, Coro Parroquial San Francisco Javier, Conxunto Vocal Lugh, Grupo Vocal Solo Voces, Orfeón Lucense, Orfeón Xoán Montes e Schola Gregoriana Lucensis. Todas elas baixo a dirección de Pablo Rico Echegaray. Ademais, queremos facer un chamamento á cidadanía de Lugo para que se achegue, e todos aqueles que queiran acompañar o noso canto coa súa voz poden facelo tamén [as partituras pódense descargar en www.corosporlapaz.org/materiales].

—¿Cantas voces cantarán en Lugo?

—Sen contar as do público que se queira sumar, estaremos por riba das 300 voces.

—Ademais, será nun escenario moi especial, o da Praza de Santa María, que tamén é un sitio de recollemento e de paz.

—Pois si, é unha praza marabillosa, e tamén se proxectarán imaxes dela.

—¿Só interpretarán unha peza ou haberá máis?

—Só unha porque empezamos a organizalo todo esta semana e somos moitas voces para coordinarnos.

—O gran músico Abraham Cupeiro dixo unha vez que os músicos se empeñan en unir o que o resto da xente separa. E tiña moita razón, agora máis ca nunca.

—É certo, a música é unha linguaxe que une moito.