José López Orozco: «Son unha persoa que perdoa facilmente, pero a Pilar de Lara non podería nin saudala»

André Siso Zapata
André S. Zapata LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

José López Orozco, en la rueda de prensa que dio en Lugo tras salir exculpado de su última causa pendiente.
José López Orozco, en la rueda de prensa que dio en Lugo tras salir exculpado de su última causa pendiente. Óscar Cela

O exalcalde de Lugo, xa libre de causas xudiciais, di: «As imputacións que máis me doeron foron as que me acusaban de xogar cos cartos dos cidadáns»

25 mar 2022 . Actualizado a las 12:29 h.

Responde ao teléfono tras uns segundos: «Teño un anaco, si, que estou esperando para ir recoller o neto ao colexio». José López Orozco (Foz, Lugo, 1947) é xa un home libre de causas xudiciais. O exalcalde de Lugo foi exculpado polo xuíz encargado de resolver o proceso da Operación Pokémon da última causa que tiña pendente. Levaba investigado máis dunha década. 

—A que se dedica agora, xa fóra da vida pública?

—Fundamentalmente, a ler e a pensar. Estou moito máis coa familia, cos amigos... E, sobre todo, co neto. Pasamos largas temporadas con el para poder facilitarlle aos nosos fillos o seu traballo mentres atendemos o pequeno.

—É un gran cambio ter un neto.

—Efectivamente. Eu son moi neneiro, e cando chegou o pequeno, abríuseme o ceo. Estamos encantados, e coa súa chegada aprendín o necesario que é dedicarlle tempo ao realmente importante: a familia.

—Despois de tantos anos de dedicación plena á política, sentíase en débeda coa familia?

—As tarefas políticas provocaban a miña ausencia na casa habitualmente, e era a familia quen pagaba esa falla. Agora teño que recuperar ese tempo, non perdido, pero si utilizado no traballo e non na familia.

—Pensaba continuar moito máis tempo como político antes de que as imputacións acabaran co seu posto no Concello de Lugo?

—Eu xa lle comunicara ao meu círculo máis próximo que o mandato ao que aspiraba cando comezaron os asuntos xudiciais [no ano 2009] sería o último. Era algo que pensara moito. Non obstante, estando xa investigado, non quería deixalo, porque non quería que parecese que era por culpa das accións da xuíza. Eu quería continuar un mandato máis se así o querían os lucenses, que eran a quen me debía.

—Os veciños son os que mandan, ao final.

—Iso é o bonito da política local. Porque é traballar pola xente que coñeces, pola túa cidade, polo teu entorno... Iso é o máis atractivo. Coñecer os problemas da xente.

—Non obstante, hai anos xa que se afastou vostede da cidade de Lugo. Tivo que ver con eses asuntos xudiciais?

—Para nada. Se agora paso menos tempo en Lugo foi pola vida familiar, non polas accións da xuíza. Primeiro estivemos en Sanxenxo, logo marchamos un ano a Nova York, logo volvemos e estamos moito por Valdoviño. 

—Como lle afectaron as imputacións?

—As que máis me molestaron foron as que suxerían que eu estaba xogando cos cartos dos cidadáns. Eu nunca, xamais, recibín diñeiro de ninguén, e tampouco me ofreceron. E iso foi o que máis me doeu.

—Doeulle máis como alcalde ou como persoa?

—Ambas. A un alcalde non se lle pode acusar de manipular así os cartos dos veciños. E como persoa, xa que recibín unha educación exemplar nese sentido, foi terrible. Sendo eu profesor de secundaria, dicíame a min mesmo: «Que pensarán os meus alumnos?».

—Pensa que un político debe dimitir por unha imputación?

—Xamais. A non ser que o collan, como se adoita dicir, coas mans na masa, claro. Pero quen ten que tomar a decisión é un xuíz. Eu non sei canto daría por ser o último político que fora apartado do seu cargo polas insidias dos seus adversarios. Só debe irse quen ten unha sentenza en contra.

—Como xa ten o seu excompañeiro no Concello Francisco Fernández Liñares.

—Foi unha decepción. Sempre tiven a mosca detrás da orella, pero confiei nel ata que houbo unha sentenza da Audiencia Provincial contra el.

—Falaba con el durante o proceso?

—Desde o 8 de xaneiro do 2013, que foi cando saíu de prisión, non volvín falar con el. Chameino ese día para preocuparme por el, pero nada máis.

—Se coincidisen nunha reunión, saudaríao como o facía antes?

—Non, non coma antes. Saudaríao, porque iso non se lle nega a ninguén, pero nada máis.

—E á xuíza Pilar de Lara?

—Non a saudaría. Nin tiven nin teño nin terei razóns para facelo. Foi tanto o dano que me fixo que non quero saber nada dela. Ademais, grazas a deus xa non está en Lugo, así que non me atoparei con ela. Pobres dos ponferradinos se segue actuando como entón. [Pilar de Lara foi sancionada e perdeu o seu posto en Lugo, agora está en Ponferrada].

—Perdoa vostede facilmente?

—Si. Non facelo non conduce a nada, só a vivir con rancor. Non lle teño rancor á xuíza. Non me é difícil facelo, porque entendo que todos temos fraquezas e a min gústame que me perdoen.

—E esquece igual de fácil?

—Non. É diferente. Hai vivencias tan profundas que é complicado deixalas atrás. Iso si, insisto: sen rancor.

—Séntese aliviado sen causas xudiciais?

—Cando o meu avogado me chamou o outro día para notificarme a resolución do xuíz, o que sentín foi calma. Unha calma feliz. O primeiro que se me pasou pola cabeza foi “por fin!”. Estaba desexando que acabase. Agora só queda o recordo, e eu xa miro para adiante. Podo centrarme no presente, aínda que non estamos no mellor momento. 

«Non entendo este cambio do Goberno co pobo saharauí»

López Orozco, profesor de filosofía na secundaria, nunca foi da clase de políticos que evitaban as preguntas incómodas, nin lle importou nunca «mollarse» nos temas de actualidade, tanto se lle afectaban directamente como se non. Pese a non estar en primeira liña política, recuperou un cargo na executiva do PSdeG con Valentín González Formoso. 

—E desde esa distancia, cre que vivimos nun mundo peor ca o de hai dez anos?

—Totalmente. Estou moi afectado polo que está pasando en Ucraína. O que está padecendo a nosa xente coa subida do custe da vida. Síntome privilexiado, pero compadézome dos que non o son. Fáltannos referentes, é un momento moi complicado.

—Unha guerra así en Europa en pleno século XXI...

—O que está pasando alí... Aínda está por ver o que remata pasando, pero é unha traxedia absoluta da que tardaremos anos en recuperarnos.

—Como socialista, que lle parece o cambio de criterio co Sáhara?

—É necesario revisar a historia do conflito entre os saharauís e Marrocos. Dóeme ver o que está ocorrendo estes días, porque eu tiven contacto con varias familias de Lugo que adoptaban a nenos saharauís habitualmente, e eran encantadoras. Eu síntoo moito, pero non entendo este cambio de política. Creo que lle estamos dando as costas a un pobo que fala o noso idioma, que conviviu con nós... Marrocos, máis tarde ou máis cedo, vai acabar facendo o que fixo sempre, así que creo que podíamos manter a política que estivemos levando estes últimos anos sen problema.