Talento lucense nas portadas e gráficos do Washington Post

André Siso Zapata
André S. Zapata LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Artur Galocha, infografista lucense que trabaja en el Washington Post.
Artur Galocha, infografista lucense que trabaja en el Washington Post. CEDIDA

Artur Galocha, nacido en Lugo e con raíces en Meira e A Pastoriza, traballa como deseñador e infografista, e saltou á fama por crear a capa do libro «Fariña»

27 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Artur Galocha (Lugo, 1983) naceu para crear. «Namoreime do deseño en prensa aos once anos, cando vin unha infografía da Voz de Galicia sobre o Pórtico da Gloria no xornal». Así explica os seus comezos nun mundo que acabaría sendo, ao mesmo tempo, o seu traballo e a súa paixón. 

Galocha criouse en Santiago de Compostela, cidade á que marchou sendo aínda pequeno. Naceu en Lugo, iso si, e conta con raíces paternas na Pastoriza e maternas en Meira. «Miña avoa aínda vive, así que sempre que vou pola casa pásome a vela», explica o deseñador. 

O certo é que aínda garda unha estreita relación con Lugo e a súa contorna, a pesar de que marchou da súa rexión natal aos 18 anos. «Tiven a sorte de poder ir estudar a Madrid, no ano 2001. Desde entón, volvín a Galicia soamente durante un ano, para traballar, pero desde que marchei xa quedei vivir aquí», afirma Galocha.

Forma parte dunha familia «de artistas», segundo di el mesmo. Seu pai, xa xubilado, é Antón Galocha, profesor de Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e xornalista cunha amplísima traxectoria. Seu irmán pequeno é Denís Galocha, debuxante e premio Pulitzer; e súa irmá pequena é Alba Galocha, actriz, modelo e cantante. «Tivemos a sorte de medrar nun fogar con posibilidades, e cuns pais que nos permitiron ter as oportunidades que precisábamos», explica Artur.

Con apenas 39 anos, o artista e comunicador ten un gran currículo ás súas costas. Traballou no diario Público, na revista Líbero, na Tentaciones e no diario El País, ata decembro do ano 2020. «Sempre me chamaron moito a atención as revistas», afirma. Entón, presentouse para unha praza vacante nada menos que no Washington Post, un dos xornais punteiros a nivel mundial. E houbo sorte. 

Triunfando ao outro lado do «charco»

«Foi un grandísimo paso na miña carreira profesional. Fixen varias entrevistas con eles e parece que lles gustei, porque xa me incorporei ao equipo pouco despois. Aínda non puiden comezar a traballar de forma presencial, pero levo ano e medio colaborando desde a miña casa xa», comenta o infografista.

Afirma o lucense que o cambio entre a prensa española e a americana é «tremendo», algo que se demostra vendo que «en El País eramos cinco na sección, e aquí hai 32 agora mesmo», di. 

Estivo desde o ano 2008 traballando activamente en varios dos medios máis importantes da prensa española, onde «aprendín un montón do meu». Sen embargo, cando saltou definitivamente á fama foi cando o libro «Fariña», escrito por Nacho Carretero, saíu á venda. «A portada de Fariña é, seguramente, o traballo do que máis orgulloso estou da miña carreira. É certo que non acostumo a facer capas de libros, e iso faino aínda máis especial». 

Define o seu traballo como «xornalismo visual», e explica que, aínda que os seus deseños e infografías soen ser complementos de informacións máis amplas, «a tendencia no sector vai cara a creación dun infografista total, que cree o contido e tamén o ilustre». El acostuma a participar en contidos deportivos, aínda que, na súa carreira, «xa fixen de todo». 

Fóra do traballo, explica que disfruta moito da música, tanto na casa como en concertos. De feito, di sentirse amolado, xa que o retraso en unirse ao equipo do Post en Washington fixo que vaia «perder moitos concertos para os que xa tiña billetes». Aínda así, di que o deseño ocupa gran parte do seu tempo libre, xa que «sempre acabo apuntando ideas ou practicando para seguir mellorando no traballo».