O Campus Terra impulsará un programa de prácticas no rural

Lorena García Calvo
Lorena García Calvo LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Elvira López, Antonio López e Francisco Fraga
Elvira López, Antonio López e Francisco Fraga Óscar Cela

É un dos proxectos da USC para Lugo na segunda etapa de Antonio López como reitor

22 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Este mércores, día 23, a Universidade de Santiago de Compostela celebra eleccións co actual reitor, Antonio López, como único candidato. O catedrático presentou hai algúns días aos integrantes do seu equipo, e nel destacan dous nomes estreitamente vinculados a Lugo. Francisco Fraga asumirá a Vicerreitoría de Organización Académica e Campus de Lugo, e Elvira López será a nova directora do Campus Terra.

Á espera da celebración das votacións e dos posteriores nomeamentos, tanto Fraga como López teñen claro cales son as prioridades marcadas por López e a folla de ruta a seguir durante os vindeiros catro anos.

posta en valor

Impulsar a parte práctica

«Temos que poñer o campus en valor», sentencia Francisco Fraga. O futuro vicerreitor considera fundamental dar a coñecer tanto o campus como a cidade, de cara a atraer novo alumnado. Para converter en máis atractivo o campus lucense, aposta por analizar e crear novas titulacións de postgrado en temáticas aliñadas coa especialización do Campus Terra, así como estudar a viabilidade da formación dual para mellorar a parte práctica que se oferta ao alumnado.

Outra das apostas da USC será poñer en marcha un programa de participación de profesionais expertos, como poden ser empresarios de diversos sectores, que participen en seminarios enfocados ao ámbito práctico. Deste xeito, o estudantado poderá achegarse á súa materia dende un punto de vista máis práctico.

emprego

Favorecer a incorporación ao mercado laboral

Un dos obxectivos que se marca a USC para o Campus de Lugo para o segundo mandato de López é favorecer a incorporación dos estudantes ao mercado laboral. Para acadalo, ademais de potenciar os convenios de prácticas con empresas e institucións, proxectan un programa de prácticas dentro do Campus Terra que levará aos estudantes a facer prácticas no rural. «Deseñarase un programa de prácticas ‘Retorna ao rural co Campus Terrra' que pretende incentivar a realización de prácticas remuneradas en empresas e institucións situadas no rural de Galicia», describe Fraga.

semipresencialidade

Adaptarse aos novos tempos

Entre as responsabilidades que asume o novo vicerreitor de Lugo está a de traballar para implantar unha nova normativa que rixa a semipresencialidade en grados e másters, así como a revisión da programación da oferta formativa anual do campus. A maiores, aposta por estudar se é preciso contar con novos departamentos no campus de Lugo.

No que se refire á oferta docente, dende a área de Titulacións traballarán para incrementar o número de estudantes nas titulacións máis deficitarias. A idea é consolidar os graos e «non renunciar á posibilidade de incorporación de novos graos únicos no sistema universitario galego». A aposta do equipo de Antonio López é crear novas titulacións de másters e cursos de formación continua que permitan aos graduados actualizar coñecementos en temáticas que demanda a sociedade.

cidade

As facultades, foco cultural para Lugo

Que a universidade sexa parte importante da cidade, e viceversa. Ese é un dos retos que persegue a USC en Lugo, e para logralo traballará dende diversos ámbitos. Coas administracións, tanto Deputación como Concello, apostan por seguir traballando de xeito fluído, e tamén pretenden potenciar o programa Lugo Cultural de cara a que as facultades sexan un foco cultural máis na cidade. O Cuarto ciclo tamén se considera un xeito de permear na sociedade.

campus terra

O campus especializado, revulsivo económico

Explica Xesús Fraga que o proxecto Campus Terra será tamén unha ferramenta coa que a Universidade incidirá na vida da cidade de Lugo a modo de revulsivo social e económico. Farao a través de programas de emprendemento que apoiarán a creación e consolidación de proxectos empresariais xurdidos de iniciativas spin-off dos graduados no campus de Lugo, que terán a propia cidade como ubicación natural.

investigación

Máis estrutura

O pasado mes de setembro, o Campus Terra logrou a acreditación de especializado, un empurrón que levará aparellados varios millóns de euros en catro anos cos que a Universidade quere seguir potenciándoo, ademais de reter talento investigador. Explica Elvira López que para alimentar esa continuidade investigador destinarán preto de 1,8 millóns de euros para un finanzamento estrutural. Avanzarán na reforma laboral e poñerán en valor as infraestruturas investigadoras que hai no campus de cara a crear estruturas de investigacióin amplas e estables. 

Finanzamento

En que se invertirá

En que se investirán as partidas asignadas ao Campus Terra? En potenciar a carreira investigadora con contratos de iniciación, predoctorais, postdoctorais e outros. En crear unha estrutura investigadora especializada no campus, en captar proxectos máis competitivos e axudar aos grupos con menor capacidade investigadora a través de proxectos colaborativos, e en dar maior visibilidade ao que se fai.