Eduardo López Pereira, catedrático de Latín: «O de Exeria é o primeiro texto en latín do mundo escrito por unha muller»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Eduardo López Pereira, asesor do documental
Eduardo López Pereira, asesor do documental Óscar Cela

O profesor é especialista en Exeria e asesor do documental «Exeria: a primeira peregrina», de Luís Menéndez, que se presentou en Lugo

13 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Lugo foi a cidade elixida para a estrea hai uns días do documental Exeria: a primeira peregrina, dirixido por Luís Menéndez. Trátase dunha produción galega que segue o roteiro de Exeria, fascinante figura do século IV, que peregrinou desde as calzadas romanas da Gallaecia ata os seus destinos de Terra Santa e Constantinopla, deixando testemuña escrita no seu Itinerarium. Para o asesoramento contaron con Eduardo López Pereira, especialista en Exeria (autor de Exeria. Viaxe a Terra Santa), licenciado en Filología Clásica pola Universidad de Salamanca, doutor en Filoloxía Latina pola Universidade de Santiago e Catedrático de Latín da Universidade da Coruña.

—Quen foi Exeria e como se deu a coñecer a súa figura?

—Para coñecer a esta figura era indispensable saber latín. Ela escribe arredor do ano 380, cando se estaba rematando a construción da Muralla de Lugo e estando o emperador en Bizancio. O seu Itinerarium é o primeiro texto conservado en latín do mundo escrito por unha muller. Trátase dunha muller culta, que sabe latín e grego, tan intrépida que foi capaz de emprender a viaxe no século IV dende a Gallaecia ata Xerusalén, pasando polo monte Sinaí, Palestina... E deixa un fermoso relato de viaxe, de peregrinación, non turístico, levando a Biblia na súa ruta. Hoxe a súa figura dálle nome a asociacións e mesmo a unha cervexa.

—Cal é a importancia histórica desta muller e do seu texto?

—No seu Itinerarium fai unha fermosa descrición de como era todo aquilo e relata día a día o que está pasando, así que ten unha enorme importancia desde o punto de vista histórico e arqueolóxico. Tamén ten relevancia polo feito de ser unha muller, escritora e peregrina en pleno século IV, en plena guerra de Persia, o que demostra a súa valentía e que se trataba dunha persoa intrépida e atrevida. O seu dominio do latín tamén é asombroso; como exemplo, os meus alumnos de Latín da universidade, despois de cinco anos de estudo, non serían capaces de escribir un texto coma o de Exeria. Ese coñecemento do latín e do grego lévame a pensar que, desde o punto de vista intelectual, era unha muller superdotada. Ela fai un texto fermosísimo, con moito detalle, describindo cunha perfección incrible, por exemplo, a celebración do Venres Santo e a adoración da cruz.

—Como foi posible a aventura de Exeria?

—Esa é a gran pregunta. A miña teoría é que Exeria non era unha muller calquera. Hai que ter en conta que Persia estaba en guerra cos romanos, e o propio emperador Teodosio, que estaba en Bizancio, chegou a darlle acompañamento militar pola súa seguridade, e ela afirma nun momento dado que lles dixo aos soldados que xa podían marchar. Mesmo en Éfeso, saíu a recibila o bispo do lugar. Investigando e atando cabos, vemos que Teodosio era orixinario de Gallaecia, polo que podería ser que Exeria estivera emparentada co emperador.

—De que zona da Gallaecia era Exeria?

—Tendo en conta a súa formación, probablemente sería dalgún lugar cunha escola ou universidade importante. Naquela época, temos a capital da Gallaecia, Asturica Augusta, que é a actual Astorga, ou Lucus Augusti, a actual Lugo. Probablemente fose dun destes dous lugares. Non o sabemos con certeza porque só se conserva un manuscrito dela, en Italia, e fáltanlle os primeiros folios, polo que non podemos saber onde empezou a súa peregrinación. Concretamente, o relato conservado empeza cando chega ao monte Sinaí, en decembro do ano 383, e xa levaba tempo peregrinando. Remata no 385, pero tamén nos faltan os últimos folios, polo que non sabemos como foi o seu final. Ela remata en Constantinopla, pero xa estaba enferma, así que non sabemos se morreu alí ou puido regresar.

—Que importancia ten este documental?

—É o primeiro documental que se fai sobre Exeria. Parte dunha muller actual que vai á biblioteca da universidade e afonda na figura de Exeria, polo que decide emprender a mesma viaxe.

Estrea do documental «Exeria: a primeira peregrina»
Estrea do documental «Exeria: a primeira peregrina» Óscar Cela

 A estrea foi na Biblioteca Provincial de Lugo

Numeroso público participou na estrea do documental «Exeria: a primeira peregrina», na Biblioteca Provincial de Lugo. Ao acto acudiu tamén Anxo M. Lorenzo, secretario xeral de Cultura, quen destacou a fortaleza da creatividade galega. 

Estrea do documental sobre Exeria
Estrea do documental sobre Exeria Óscar Cela

Unha muller fascinante, a través de 5 países

Exeria: a primeira peregrina é unha produción audiovisual de realización galega e proxección internacional gravada en cinco países, centrada na epopea histórica dunha viaxe extraordinaria antes das grandes peregrinacións a Roma, Xerusalén e Compostela. A cinta rememora a unha muller de estirpe nobre, que levaba vida monacal e percorre Montecasino (Italia), onde apareceu o manuscrito, Exipto, Xordania, Xerusalén ou Constantinopla (actual Estambul, en Turquía).