As propostas do Lugo en Danza empezan en febreiro

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

O espectáculo «Nubivago» foi adiado
O espectáculo «Nubivago» foi adiado CEDIDA

Adiado o espectáculo «Nubivago», co que estaba previsto abrir o ciclo o martes 25

25 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O comezo do ciclo Lugo en Danza (LED) terá que retrasarse ata febreiro. O espectáculo Nubivago, da compañía italiana Equilibrio Dinámico (en colaboración co Instituto Italiano de Madrid), previsto para a tarde do martes 25, foi adiado e, por agora, non conta con nova data. Os bailaríns tiñan previsto interpretar tres pezas dos coreógrafos Roberta Ferrara, de Italia; Matthias Kass e Clement Bugnon, de Suíza e Alemaña; e Jiri Pokonry, do Netherlands Dance Theatre de Holanda. Así que o próximo espectáculo será o de Andrea Quintana o día 17.

A terceira edición do LED contará con espectáculos no Gustavo Freire e no MIHL, e como novidade desenvolverase unha programación expandida, con distintas actividades ao longo do ano. «Partimos da idea de que as potencialidades das e dos artistas non se restrinxan só ao escenario, dando a posibilidade de establecer vínculos co público en obradoiros ou encontros», explicou a edil de Cultura, Maite Ferreiro.

O primeiro semestre da programación contará con propostas novidosas de compañías galegas, coma Andrea Quintana, Nuria Sotelo, Colectivo Glovo ou Eleahod. De cara ao segundo semestre, o ciclo LED entrará no circuíto de programación Circula, ao obter o apoio da Plataforma das Artes do Movemento de Galiza. Este circuíto naceu co obxectivo de facilitar a mobilidade das e dos profesionais da danza, e está impulsado por asociacións profesionais de danza de Catalunya, Cantabria, Madrid, Comunidade Valenciana, Andalucía e do País Vasco.

Maite Ferreiro encargouse de presentar todas estas actividades e destacou que «a nivel galego, só os concellos de Lugo e A Coruña contamos con programación de danza estable durante todo o ano, o que nos permite colocarnos como un punto importante desta arte escénica no calendario estatal e atraer a Lugo espectáculos de primeira calidade, ao mesmo tempo que apoiamos ás creadoras e creadores locais e galegas».

A área de Cultura do Concello aposta fortemente pola danza a través do LED, que ao longo do ano se complementa con outras propostas como o festival Cartorafía en Movemento. «Buscamos ofertar unha programación de calidade e continuada no tempo, que atenda á demanda do público de Lugo», explicou a edil de Cultura, que destacou «a boa aceptación da programación de danza por parte do público, demostrándoo en cada espectáculo».

Toda a información do cilo pode atoparse na web lugoendanza.com. As entradas para os espectáculos para público adulto terán un custo de 5 euros, con descontos do 30 % para persoas en paro, menores de 30 anos, pensionistas e actores e actrices asociadas á AAAG. Os espectáculos para público familiar terán un prezo único de 3 euros. As entradas poderán adquirirse a través do portal entradaslugo.com e na Oficina Municipal de Turismo.

As funcións previstas son as seguintes:

· 17 de febreiro. «O raro é que bailar sexa raro» de Andrea Quintana.

· 6 de marzo. «Nina ninette» de Traspediante (Público familiar).

· 8 de abril. «Mortaís e vulnerables» de Furia Sotelo.

· 6 de maio. «Tabú» de Colectivo Glovo.

· 17 de xuño. «Nó» de Elahood.