Crenzas

Xulio Xiz

LUGO CIUDAD

25 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Polo outono do s. XIX, Louis Pasteur descubriu o proceso das enfermidades infecciosas, e naceron as vacinas. Algúns contemporáneos tiveron dificultade para aceptar que algo tan pequeno puidese ocasionar a morte dos seres humanos, pero aínda que é difícil que as verdades da ciencia sexan entendidas por quen non quere entendelas, na actualidade a inmensa maioría dos humanos admiten a existencia desas entidades mortíferas.

Nesas andamos coa pandemia, que produciu millóns de mortos no mundo, e case tres mil en Galicia, e os dous anos transcorridos derivaron en coñecemento do problema, e rápida aparición de vacinas froito de longos anos de investigación anterior. Vacinouse ás xentes por millóns, e as mortes case seguras transformáronse nun xeito de gripe que a maioría dos afectados soporta e supera.

Non é que debamos ter fe cega na ciencia, pero case. Cando a sociedade se afana en loitar contra un problema, e se comproba que vacinar reduce radicalmente os mortos, hai que implicarse activa ou pasivamente no proceso. Vacinarse é imprescindible para non ser un perigo social e mesmo por instinto de conservación. Quen se retrae en vacinarse, afectado por un virus peor ca o covid, está enfermo de ignorancia, prepotencia, e desprecio polo saber.

Hai negacionistas da pandemia, abstencionistas das vacinas e descreídos da ciencia. Se aínda cresen nas rogativas contra a peste, nas ciencias ocultas para eliminala ou que os extraterrestres virán rescatarnos do inimigo, aínda podía coidarse que só levaban consigo un retraso de séculos. Como dubidan dos investigadores, dos médicos, da ciencia, e só cren en si mesmos, gárdenos Deus da súa influencia.