Uxío Novoneyra xa descansa no xardín da súa casa de Parada do Courel

suso varela / francisco albo LUGO / MONFORTE / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Os restos do poeta foron trasladados esta mañá desde Lugo á terra onde el quería repousar

14 ene 2022 . Actualizado a las 17:53 h.

Os restos do poeta Uxío Novoneyra, falecido en Santiago o 30 de outubro de 1999, repousan xa no Courel, en concreto da súa casa natal, en Parada, onde ten a sede a fundación que vela polo seu legado. O autor de «Os eidos» (1955) sinalara antes de falecer, aos 69 anos, que quería ser enterrado no Courel, pero no seu momento, por falta dun espazo axeitado, foi soterrado no cemiterio de San Froilán de Lugo, cidade á que estivo vinculado de xeito especial durante a súa etapa de estudante, e na que naceron os seus fillos e a súa muller. 

Esta mañá de venres, pasadas as nove e media, e ante a presenza de amigos, familiares e membros de todos os grupos políticos das corporacións do Concello de Lugo e da Deputación de Lugo, celebrouse un acto de homenaxe no cemiterio lucense, e no que o gaiteiro Bruno Villamor interpretou o Himno Galego, e a actriz Tareixa Campo, a poetisa Nieves Neira e a víúva, Elba Rei leron poemas do autor.

«A familia está moi agradecida á cidade de Lugo, que acolleu ao meu pai 22 anos no cemiterio, pero agora danse as circunstancias para poder cumprir a súa vontade, e ademais era unha demanda dos veciños do Courel», explicou Uxío Novoneyra, fillo do poeta courelés e responsable da fundación.

Os restos de Novoneyra foron depositados nun ataúde de castiñeiro do Courel e rodeados coa bandeira galega e unha coroa de rosas brancas doadas polo Concello de Lugo. A viaxe de volta ao Courel realizouse pola mañá e os seus restros foron depositados no xardín da súa casa de Parada, en concreto diante da fachada e debaixo do balcón central. «Meu pai non quería ser incinerado, quería estar na terra, e agora podemos cumprir o seu desexo, e iso que no cemiterio de Lugo estivo sempre moi ben acompañado dos seus amigos Luis Pimentel, Ánxel Fole, Celestino Fernández de la Vega e Álvaro Gil», sinalou o fillo.

O Concello de Lugo, que coidou da tumba de Novoneyra desde o día que se enterrou, colocará no seu lugar un memorial para lembrar que nese lugar estivo o poeta durante máis de 20 anos. Ademais, a familia agradece ao Concello que desde o seu falecemento dedicase o seu nome a un centro social, crease uns premios literarios co seu nome e coidara sempre da tumba.

Un memorial na súa casa natal

O restos de Novoneyra foron colocados nun memorial deseñado polo arquitecto santiagués Xosé Allegue. Participaron na elaboración canteiros do Courel, que empregaron lousa da comarca para construír unha estrutura de dous metros por un metro e medio. Ademais, inclúe esculturas de bronce feitas polo artista Óscar Aldonza, e nas que se recollen follas de ourizos de castiñeiro. «E todo o memorial vai rodeado dunha roseira que lle regalou miña nai», explicou Uxío Novoneyra.

Ademais, o memorial leva unha placa na lousa na que se le como epitafio: «Uxío Novoneyra. Poeta. 1930-1999», así como o poema do seu libro «Poemas caligráficos» (1979): «Din os soños i os paxaros: A morte non é certo», uns versos que se fixeron populares no verán de 2020 cando Zara os recolleu para renderlle unha homenaxe ao poeta do Courel e deseñou unha liña de camisetas cos estes versos.

O memorial na honra a Novoneyra pode ser visitado polo público, xa que o xardín exterior da casa, sede da fundación, está aberto. Ademais, esta mesma fin de semana abre as súas portas a vivenda museo, onde se recollen obxectos e pezas que lembran a figura do poeta galego. «Ademais, ao redor do memorial, o arquitecto deseñou uns bancos de lousa nos que as persoas poden sentarse diante do meu pai, quixemos que todo fose moi natural e de acceso público», explicou o responsable da fundación. Dá a casualidade de que o vindeiro 19 de xaneiro o poeta courelés cumpriría 92 anos.

Uxío sinala que, ademais de dar conta da petición do seu pai e da demanda dos veciños do Courel, existe moita tradición en Europa e Estados Unidos de que escritores de renome sexan enterrados na súa casa e cun memorial que poida ser visitado.

Enterramento en Parada

A comitiva que trasladou o féretro chegou sobre as doce do mediodía a Parada do Courel, onde estaba agardando un grupo de veciños e amigos do poeta. Entre eles estaba o seu fillo, Uxío Novo, quen se adiantou ao cortexo e chegou con anterioridade ao lugar. O ataúde foi despois levado desde a estrada ata a tumba definitiva, que se encontra na horta da casa natal do escritor, por debaixo dunha das ventás principais do edificio, que hoxe alberga a sede da Fundación Uxío Novoneyra. Antes de proceder á inhumación houbo unha lectura de poemas na que participou a viúva do poeta, Elba Rei. Seguidamente levouse a cabo o enterramento e as primeiras paladas de terra foron depositadas pola viúva e os fillos de Novoneyra, entre outras persoas.

Ladrillos de Vietnam e pedazos do muro de Berlín

A tumba está adornada con auténticas follas de castiñeiro recollidas no souto da Ruibal —situado xunto á aldea— e bañadas en bronce. Segundo explicou a familia, dentro da sepultura depositáronse varios obxectos simbólicos: un ladrillo traído do Vietnam e pequenos pedazos do teatro grego de Epidauro e do muro de Berlín, que aluden respectivamente ao poema Vietnam canto, ao gran interese do escritor pola cultura clásica grecolatina e á importancia que tiveron os acontecementos políticos da guerra fría para a súa xeración. Antes de iniciar o enterramento, Elba Rei tamén depositou sobre o ataúde algunhas das rosas brancas da coroa fúnebre ofrecida polo Concello de Lugo.

O fillo do poeta sinala por outro lado que se a familia esperou 22 anos para levar a cabo o traslado foi para cumprir a vontade do propio Novoneyra. «Meu pai quería que o enterrasen aquí cando a súa casa natal estivese ao servizo da cidadanía», explica. «Agora temos unha fundación ben consolidada e un museo operativo, así que xa podemos dicir que a casa é un espazo público aberto aos cidadáns», engade.