Unha mostra de ilustracións repasa en Lugo o compromiso e o pensamento de Castelao

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Exposición en Lugo sobre Castelao
Exposición en Lugo sobre Castelao cedida

O proxecto recolle unha selección de caricaturas, debuxos, portadas de revistas e libros, manuscritos e retratos fotográficos, que se poden ver en Afundación ata o día 31

10 ene 2022 . Actualizado a las 21:49 h.

Afondar no compromiso e o pensamento dun dos creadores máis destacados da cultura galega, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, é un dos obxectivos da exposición Castelao grafista (facsímile), que se pode visitar en Lugo ata o día 31. A mostra está centrada na faceta ilustradora do artista rianxeiro, e inclúe caricaturas, debuxos, portadas de revistas e libros, manuscritos e retratos fotográficos. Organizada pola Fundación Gonzalo Torrente Ballester e a Real Academia Galega de Belas Artes, patrocinada pola Xunta e comisariada por Miguel Fernández Cid, a mostra pode verse na sede lucense de Afundación de luns a sábado de 17.30 a 20.30 horas, con entrada de balde. Tamén existe a posibilidade de facer unha visita virtual (https://www.afundacion.org/es/visitas-virtuales/vista/exposicioncastelao-grafista.-lugo).

Esta é a segunda parte dun proxecto que busca dar a coñecer a figura de Castelao en diferentes cidades e países, ademais de establecer unha rede de bibliotecas nas que se poida consultar a estudar a obra de Castelao, por medio do Instituto Cervantes e dos centros culturais dependentes do Ministerio de Asuntos Exteriores en todo o mundo.

Exposición sobre Castelao
Exposición sobre Castelao

Diferentes facetas

Concretamente, na exposición de Lugo poden verse pezas procedentes das coleccións de arte de Abanca e Afundación, e componse dunha «selección rigorosa de obras nas que se reflicte a evolución, tanto do compromiso ético, social e político do artista rianxeiro, como dos seus recursos plásticos e da súa querenza pola ilustración», explican desde a organización: publicacións en xornais e revistas, obras coma Cousas da vida (1930), álbums de guerra coma Galicia mártir (1937), Atila en Galicia (1937) ou Milicianos (1938)... e a obra que se considera o seu testamento pictórico, A derradeira leicción do mestre, unha tea icónica, de 1945, na que se retoma unha ilustración de guerra elaborada en 1937.

Deste xeito, a mostra reúne 19 facsímiles da Colección de Arte Afundación e 89 debuxos do álbum Cousas da vida de Castelao, dos que 49 pertencen á Colección de Arte Abanca. Ademais, hai expostos tres retratos fotográficos, catro caricaturas e 17 debuxos e portadas de revistas. A maiores, poderase ler o texto orixinal do álbum Nós e contemplar dous manuscritos de Castelao, 18 cubertas das primeiras edicións dos seus libros, tres páxinas interiores, 14 portadas de libros ilustrados por Castelao e tres debuxos.