O escaparate dos 50 anos de Fuxan os Ventos

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Óscar Cela

O libreiro de Lugo José Manuel Valín monta unha homenaxe polo medio século da creación do grupo galego

11 ene 2022 . Actualizado a las 08:39 h.

Fuxan os Ventos cumpre neste 2022 medio século da súa creación. Con orixe en 1972 no seo do Colexio Menor do Santísimo Sacramento de Lugo e impulsado polo pai Mato, o grupo participou co nome de Folk 72 no terceiro Festival das San Lucas de Mondoñedo, onde gañaron o primeiro premio co tema «Fuxan os ventos». A partir de entón adoptaron este nome para o grupo.

Para lembrar os 50 anos da formación musical máis emblemática de Galicia, José Manuel Valín, dono da libraría de segunda man Valín Libros, decidiu instalar a súa particular homenaxe ao seu grupo favorito no escaparate da súa tenda, en San Roque, 32. «Marcoume de neno a súa música e creo que a efeméride deste ano ben merecía unha exposición pública», explica.

Na súa libraría pódense ver pezas e obras de diversa procedencia. Así, aparece toda a discografía do grupo, tanto en disco como en cinta de casete. Tamén hai espazo para libros e poemas que inspiraron a súa música, en especial a canción que máis lle gusta a José Manuel, Muller, dun poema de Marica Campo. Tamén se poden ver catro históricas fotos enmarcadas.

Quizais o obxecto de máis valor, pola súa orixinalidade e rareza para coleccionistas, son algún dos carteis. Un deles, do que só hai dúas copias, pertence a un concerto que o grupo ía ofrecer o día de San Froilán de 1975 na Praza de Santa María, pero que o Goberno Civil de Lugo suspendeu. «Foi sen causa xustificada, pero polo que falei con membros do grupo, cren que os fusilamentos do Goberno de Franco de finais de setembro en Burgos e o peche de facultades en Madrid puido estar detrás daquela cancelación. Mero polo menos non se acordaba», explica José Manuel.

Este coleccionista e fan do grupo galego explica que o cartel «foi obra de Xosé Manuel e de Geluco, e só me consta que Mero ten un igual. Houbo xente que xa me dixo que mo mercaba ou como podía facerse con el», sinala o libreiro, que no seu escaparate amosa pezas que non se venden senón que forman parte da súa colección persoal, e que quixo amosar para poñer en valor a importancia de Fuxan os Ventos na historia da música en Galicia. Ademais do citado cartel, hai outro feito por Ulises Sarry, coa cara dos membros do grupo en tons azuis.

Actuacion do grupo galego en 1977 nun festival solidario celebrado no pavillón dos deportes de Lugo
Actuacion do grupo galego en 1977 nun festival solidario celebrado no pavillón dos deportes de Lugo PEINÓ

A mostra de homenaxe ao grupo nado en Lugo tamén serve de lembranza a outros músicos importantes en Galicia e aos artistas que traballaron a representación dos gaiteiros. Así, entre os discos expostos, hai un do que apenas se editaron mil exemplares, e que foi gravado en 1970 en Venezuela por un feixe de grandes nomes da nova canción galega. Trátase de Galicia Canta, un dos piares da nova música galega e que ten como curiosidade que nun dos temas o poeta Celso Emilio Ferreiro toca a pandeireta. «Hoxe é un dos discos máis cotizados en Galicia, xunto ao primeiro de Suso Vaamonde e ao dun grupo de rock progresivo que se chamaba Uhu», explica Valín.

Artistas lucenses

No escaparate hai espazo para as obras de gaiteiros que fixeron artistas tan dispares como Paco Pestana («fíxomo especificamente para min), Germán Refojo, Castro Gil ou Lugilde. A entrada da libraría conta ademais con libros, discos e pezas doutros grupos e músicos lucenses, como Brath ou Antón Campelo.

«Vou ter este escaparate un par de meses como unha homenaxe persoal a aquela xeración e como mostra de lembranza dun grupo que a min, ao igual que moitos nenos e mozos dos anos setenta, nos marcou, e que agora nos gustaría ver reunido de novo nun concerto polo 50 aniversario».

A apertura do novo auditorio está pendente para este 2022 e desde a área de Cultura, que dirixe o BNG, xa se propuxo que o espazo cultural leve o nome de Fuxan os Ventos. ¿Sería unha boa oportunidade para reunilos 50 anos despois?