«Ana e a lúa lueira», un conto e un canto á tenrura con selo lucense

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Fernando Gómez, Noemí López e Toño Núñez presentarán a obra
Fernando Gómez, Noemí López e Toño Núñez presentarán a obra XOSÉ REIGOSA

O libro musicado do autor de Navia Toño Núñez preséntase o xoves 16 no MIHL

16 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Xoves 16 • 19.00 horas • MIHL (Lugo) • 

As nenas e nenos contan cunha nova obra que combina textos, ilustracións e música, tres linguaxes complementarias que dialogan e se enriquecen para emocionar aos cativos. Trátase de Ana e a lúa lueira, un conto e un canto ás emocións, á tenrura, á sensibilidade e á beleza, un proxecto poético-musical do escritor naviego Toño Núñez, que presentará o xoves 16 pola tarde no MIHL xunto ao músico Fernando Gómez Jácome, a ilustradora Noemí López e a directora de Baía Edicións, Belén López.

 

Núñez, que leva quince contos publicados e varias obras de poesía e relatos para adultos, explica que para darlle vida a esta obra, pediu colaboración a «amigas e amigos que me ofrecían a meirande garantía para concretalo»: Noemí López, ilustradora lucense que «para este conto creou unhas delicadas, amables e fermosísimas ilustracións que complementan e enriquecen enormemente o texto»; Fernando Gómez Jácome, «o director de coros máis recoñecido de Lugo», do que Núñez é alumno desde hai máis de dúas décadas no Conxunto Vocal Lugh e que «para este conto compuxo unha nana que penso que lles vai encantar ás nenas e aos nenos», pero tamén ao resto da familia; e Iria Estévez, «unha das mellores voces femininas da música galega actual», que gravou xunto aos músicos Luís Monslve, Carlos López, Rodrigo Muñoz e Gonzo Piña.

Trátase, por tanto, dunha obra moi luguesa, «un conto que levaba tempo agardando a que unha editorial decidise publicalo, cousa non doada porque é un proxecto ‘caprichoso’ e caro, que se sae bastante dun conto habitual. Grazas a Baía Edicións, o proxecto fíxose realidade e xa campa fermoso nos escaparates das librarías», explica Núñez.

 

Inclúe a partitura

Por outra banda, como aspecto novidoso nunha publicación infantil, o conto inclúe a partitura da canción, «por se calquera nai ou pai que domine algún instrumento lle quere tocar a canción de Ana e a lúa lueira á súa filla ou fillo», explica o autor.