Pioneiras

Xulio Xiz TRIBUNA

LUGO CIUDAD

06 dic 2021 . Actualizado a las 19:48 h.

O libro «Pioneiras das ciencias en Lugo», da catedrática María Isabel Fernández García, divulga a vida de 62 mulleres que abriron camiño vital para as que hoxe teñen presente e futuro no mundo científico. Foron farmacéuticas, médicas ou profesoras, nun mundo de homes, e tiñan que conseguir permiso da Universidade para poder estudar; e ao rematar a carreira, pedir permiso de novo para exercer a profesión, e nunca tiveron título de «Licenciada» porque os títulos eran de «Licenciado» para homes e mulleres.

De Ribadeo era Manuela Antonia Barreira, primeira alumna na USC, primeira licenciada de Galicia e primeira titulada de bacharelato no Instituto de Lugo; de Becerreá, Ángela Manuela Pardo Celada, primeira xinecóloga e primeira doutora en Medicina; de Lugo, Rosa Manuela Torviso Monje, primeira profesora de Ciencias do Instituto de Lugo ou Mª Paz Gasalla, primeira Oftalmóloga; e de Chantada, María Teresa Fernández Rodríguez, primeira investigadora e profesora auxiliar de Universidade.

Naceron entre finais do século XIX e 1920, e loitando contra o ambiente social e as barreiras do sistema, contribuíron a que este mundo noso sexa máis igual, consciente e libre. E viviron en Lugo, atendéronnos nas súas farmacias, examináronnos aos da miña idade como a profesora Torviso no Instituto ou Ana María Mújica en Maxisterio. Foron pioneiras dun movemento feminino silencioso, esforzado, valente, que fixo ao mundo moito máis grande. Quen coide que a loita pola igualdade é algo moderno, desta etapa democrática, que pense nestas 62 mulleres, e outras aínda descoñecidas, que foron as primeiras en abrir as portas (e os ollos) á ciencia e á liberdade intelectual da muller.