Xesús Fraga: «En Lugo empecei a ser escritor»

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

O xornalista, Premio Nacional de Narrativa 2021, lembra os cinco anos que viviu na capital lucense

23 nov 2021 . Actualizado a las 08:40 h.

Xesús Fraga Sánchez (Londres, 1971) é, o que se soe dicir, un fillo da emigración galega, pero tamén pertence a esa xeración de mozos que nos anos noventa tivo a súa particular inmigración interior desde o seu Betanzos familiar, para primeiro estudar en Salamanca, e logo abrirse un oco profesional en Lugo, en RadioVoz e en La Voz de Galicia. O xornalista estivo onte na Casa do Saber da USC para presentar o libro Virtudes (e misterios), co que acaba de conseguir o Premio Nacional de Narrativa 2021 e tamén o da Crítica de Galicia. Pero esta cita serviu tamén para atoparse cos vellos amigos que deixou na cidade hai xa dúas décadas.

—Despois de máis de 25 anos falando e escribindo sobre autores, artistas e premios, agora atópase no outro lado, que lle fan entrevistas. É a recompensa a tantos anos de esforzo?

—Si, o día que me concederon o premio vinme no outro lado. De estar buscando o teléfono do gañador para entrevistalo a non parar de soar o meu móbil todo o día. Foron doce anos traballando na novela, onde houbo momentos nos que estiven a piques de deixala, porque era un libro complicado ao contar a historia da miña familia. Non eran personaxes inventados, onde un é dono das súas historias. Como no xornalismo, tiña que respectar escrupulosamente os feitos tal e como pasaron. Chegar agora a tantos lectores é unha satisfacción a todo o traballo e ao investimento emocional que fixen para escribir a novela.

—Non sei se pensou en que a partir de agora aumenta a responsabilidade co seguinte libro.

—Cando libro é distinto. Está claro que ter éxito cunha obra non che asegura o mesmo coa seguinte. O importante é non deixarse levar e ser fiel á historia que se quere contar. Se tardei tanto tempo en contar a historia da miña familia, coa responsabilidade que iso supón, creo que teño a lección ben aprendida.

—No libro narra a emigración galega ao estranxeiro, pero vostede viviu tamén a interior, e acabou en Lugo no ano 1996.

—Creo que todos debemos aproveitar as circunstancias e saír enriquecidos de onde nos toca vivir. Eu en Lugo estiven cinco anos. Se estivera noutra cidade, seguro que sería unha persoa distinta, pero podo dicir que empecei a ser escritor en Lugo. Tiven a sorte de recibir o apoio e o consello de bos escritores, que ademais me ofreceron a súa amizade. Ademais, a cidade tiña unha carga cultural moi grande, e como xornalista, as miñas primeiras Letras Galegas, vivinas dedicadas a Ánxel Fole.

—E como lembra eses cinco anos en Lugo, onde deixou amizades.

—De neno viña a Lugo de excusión desde Betanzos cos meus pais. Recordo a primeira vez que percorremos toda a Muralla. A mi fascinábame as historias dos romanos, os cómics de Astérix ... e saber que estaba nun escenario deses relatos, era excepcional. Logo, entre 1996 e 2001, vivín o período de expansión urbana e de actividade cultural e universitaria. Pola miña profesión topei con xente moi activa, divertida e creativa, como escritores, músicos, fotógrafos, magos... Parecía que todo o que estaba a pasar era novo e distinto, aínda que nese momento non o percibías. No Campus comezaba a andar o Lugo Cultural, con actuacións e exposicións; o San Froilán era unha confluencia de xente moi creativa que chegaba á cidade. Non sei, era todo un escenario moi estimulante.

—Lugo é unha cidade onde o creador é un veciño máis. O mellor exemplo foi Darío Xohán Cabana.

—Hai creadores que viven nunha vida afastada e só aparecen nos grandes circuítos culturais, amosando a súa fachenda. En Lugo iso non pasa, e Darío é un exemplo. Un autor cunha obra excepcional, un talento como tradutor de primeira orde mundial, e que o vías na rúa como un veciño máis. En Lugo podes saír de viños e atoparte a Paco Martín, Premio Nacional de Literatura Infantil. Ou dabas un paseo e atopábaste con Paco Pestana, un home con exposicións en todo o mundo e que estaba integrado de xeito natural na cidade. Iso di moito de Lugo e dos seus creadores.

—Dígame algo positivo e algo negativo do seu paso por Lugo.

—Destaco a hospitalidade da xente, gústame a súa naturalidade. Logo a cidade mellorou. Cando cheguei, o paseo do Miño estaba cheo de silvas, e cando marchei había un espazo marabilloso e privilexiado para camiñar. Levo comigo á xente, a comida, a paisaxe... Foron cinco anos nos que profesionalmente traballei moi duro e iso xerou fatiga, pero diso non tivo culpa a cidade. De Lugo non podo dicir nada malo.