Lugo chora a Darío Xohán Cabana, «un veciño máis, unha boa persoa»

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

A cidade amosa o cariño que tiña por un dos lucenses máis ilustres

18 nov 2021 . Actualizado a las 17:59 h.

«Son un vello neno labrego», acostumaba a dicir Darío Xohán Cabana nos últimos tempos. Considerábase un campesiño, un paisano máis. Por iso, onte pola mañá, cando se soubo na cidade de Lugo o seu falecemento ao 69 anos, foron moitos os que lembraron ao Darío persoa. Ese «clásico en vida», que definiu onte o presidente da Real Academia, Víctor Freixanes, era para os lucenses algo máis que un grande das letras galegas.

Como acontecera hai un mes co pasamento de Paco Pestana, a figura de Darío transcendía o feito literario. Dicía o escritor inglés Lawrence Durrell: «Unha cidade faise un mundo cando un ama a un dos seus habitantes». En Lugo os persoeiros da cultura están arraigados no pobo, forman e formaron parte da paisaxe urbana, de Ánxel Fole a Luis Pimentel, de Celestino Fernández de la Vega a Isidro Novo.

O Concello de Lugo, nun comunicado, daba o pésame á familia e expoñía a dor da cidade: «Hoxe é un día de enorme tristeza para a cidade, onde era un veciño moi querido, así como para toda Galicia, porque a súa obra forma parte xa do noso patrimonio cultural. É tamén unha xornada de loito para todo o persoal deste Concello, no que Darío traballou durante décadas como funcionario da Área de Cultura, onde desenvolveu unha labor encomiable e deixa enorme afectos. Co pasamento de Darío Xohán Cabana, Lugo e Galicia perden a un excelente e brillante escritor, unha das mellores voces das letras contemporáneas e a un académico loitador pola lingua e a identidade cultural do país».

Orozco: «Quédanos o seu marabilloso traballo literario e a súa bondade. Traballou no Concello onde fixo moi bo labor. Sempre atento, querendo dar un bo consello, servindo ao idioma»

A Área de Cultura, na que Cabana traballou máis de trinta anos ata a súa xubilación, amosaba «que foi un orgullo contar coa súa experiencia, sabedoría e bonhomía. Lugo botará en falta a un dos seus máis relevantes veciños, un artista, un académico, un magnífico escritor e tradutor e un gran compañeiro para todas aquelas persoas que tiveron a sorte de traballar con el». 

Do Gustavo Freire ao Concello

Ese carácter afable destacárono milleiros de lucenses que inundaron as redes sociais de mensaxes de lembranza, de cariño e de admiración por Darío Xohán Cabana, de quen outro referente da cidade, Xerardo Pardo de Vera, sinalaba hai anos que era con diferenza o mellor que tiña o auditorio Gustavo Freire, en referencia ao tempo no que Cabana foi o responsables do edificio. 

Logo viñeron mellores tempos para el no Concello, onde se encargou do Servizo de Publicacións e puxo a andar no 2004 con mimo, a colección San Froilán dos devanceiros, onde el mesmo aportou volumes imprescindibles, como A chegada a Lugo do primeiro tren (2005) ou Cunqueiro e Don Hamlet en Lugo (2007).

Yolanda Díaz: «Eras sabencia, voz que encarna unha nación. Adeus e sempre, Darío Xohán Cabana»

Desde a súa oficina na Casa Consistorial trazaba libros sobre a historia e a literatura de Lugo e mesmo escribía fermosas pezas para os folletos turísticos. Por este motivo, era habitual velo polas mañás na Praza Maior cando ía tomar café ou cando saía de traballar, antes de marchar ao seu retiro, a súa casa en Romeán, en Lugo. A pesares da súa timidez, atendía con amabilidade aos lucenses que o saudaban e acudía aos actos culturais e educativos onde era reclamado, como as charlas aos colexios. El mesmo dicía que só procuraba na vida «ser unha boa persoa, ser decente, aínda que non sempre se consigue».

Xesús Rábade Paredes: «A Darío. Camarada, amigo, irmao... Hoxe desde as ameas o home chora os seus voos fanados na mudanza e o tesouro dun reino sen retorno»

 Os lucenses o acompañaron no 2015 durante o pregón do San Froilán. Un texto cheo de actualidade, con referencias aos problemas do campo e á necesidade de atender aos inmigrantes que chegaban a Lugo. O seu discurso, como o seu ideario, foi combativo, pero tamén toda unha declaración de amor pola súa cidade: «As festas do San Froilán son as máis fermosas do outono galego e de todas as estacións» (fortes aplausos).