Lugo chora a perda de Darío Xohán Cabana

la voz LUGO

LUGO CIUDAD

Numerosas mostras de pesar tras coñecerse o falecemento do escritor e académico lucense

17 nov 2021 . Actualizado a las 16:11 h.

O pasamento do escritor e académico Darío Xohán Cabana está a causar conmoción na sociedade lucense e, especialmente no eido da cultura. Desde o momento no que se coñeceu o seu falecemento están a ser numerosas as mostras de cariño e lembranza.

Desde a Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo trasladaron «o noso máis profundo pésame á familia e achegados de Darío Xohán Cabana. Hoxe é un día triste para a cultura e un día triste para esta cidade e máis nesta Área do Concello onde Darío traballou máis de 30 anos, axudando a fornecer de cultura en todos os seus ámbitos a esta a súa cidade. Foi un orgullo para este Concello contar coa súa experiencia, sabiduría e bonhomía. Lugo botará en falta a un dos seus máis relevantes veciños, un artista, un académico, un magnífico escritor e tradutor e un gran compañeiro para todas aquelas persoas que tiveron a sorte de poder traballar con el».

Desde o Concello de Lugo sinalan que «o tecido cultural desta cidade, as institucións relacionadas coa cultura e a cidadanía están de loito por un dos nosos persoeiros máis relevantes, unha persoa comprometida e brillante. Unha desas persoas que facían da nosa vida e cidade un sitio mellor. Que a terra che sexa leve Darío». 

No Facebook do Concello de Lugo pódese ler: «Estamos profundamente consternados. Esta noite deixounos Darío Xohán Cabana, referente indeludible da literatura galega, persoa comprometida coa nosa terra e gran compañeiro como funcionario no Concello de Lugo. As túas letras estarán sempre con nós. Descansa en paz, Darío».  

A nivel institucional enviou unha menxase o Concello: «O Concello de Lugo expresa o seu enorme pesar polo falecemento de Darío Xohán Cabana, insigne e recoñecido escritor e quere trasladar o seu máis profundo pésame á súa familia, amigos e achegados. Hoxe é un día de enorme tristeza para a cidade de Lugo, onde era un veciño moi querido, así como para toda Galicia, porque a súa obra forma parte xa do noso patrimonio cultural. É tamén unha xornada de loito para todo o persoal deste Concello, no que Darío Xohán Cabana traballou durante décadas como funcionario da Área de Cultura, onde desenvolveu un labor encomiable e deixa enorme afectos. Co pasamento de Darío Xohán Cabana, Lugo e Galicia perden a un excelente e brillante escritor, unha das mellores voces das letras contemporáneas e a un académico loitador pola lingua e a identidade cultural do país.

Precisamente nas redes sociais é onde xa aparecen milleiros de mensaxes de cariño e admiración pola figura de Cabana, destacando sobre todo a súa valía como persoa.

Darío Xohán Cabana, pregoeiro do San Froilán 2015
Darío Xohán Cabana, pregoeiro do San Froilán 2015 ALBERTO LÓPEZ

O pregoeiro do San Froilán 2015

Darío Xohán Cabana foi o pregoeiro das festas do San Froilán do 2015, unha cita que lle facía moita ilusión xa que polo balcón da Casa Consistorial pasaron amigos seus das letras aos que anos despois recompilou nun fermoso libro sobre os pregóns das patronais lucenses. A que sigue a continuación é a crónica feita por Laura López daquel agora histórico pregón

«O pregón co que o escritor, académico e funcionario do Concello de Lugo Darío Xohán Cabana abriu oficialmente as festas do San Froilán estivo cheo de lembranzas aos inicios dos festexos, pero, sobre todo, estivo cargado de reivindicacións e, como non, de soños. O principal é ese Lugo agrario, esa Galicia «posta en pé, dona do seu destino», na que os galegos poidan vivir dunha «agricultura sustentable e ecolóxica», dos figos de Quiroga, das cereixas de Ribas do Sil ou na que se lle ensine a Francia «como facer queixos».

Darío Xohán Cabana fixo o seu emotivo discurso desde o balcón da casa consistorial, onde, ademais de membros da corporación, estaba tamén o exalcalde José López Orozco, na súa primeira participación nun acto público desde que deixou a alcaldía. Tras o pregón, ambos fundíronse nunha forte aperta.

O pregoeiro, que se definiu como «un vello neno labrego», describiu aquelas festas dos anos cincuenta e sesenta a través das súas vivencias de neno, aquel tempo no que os festexos eran «unha simbiose da cidade e do agro», «unha feira entre urbana e rural», porque «en Lugo as cousas son doutra maneira» e porque «ningunha festa como a nosa é tanto das xentes de arredor». Lembrou tamén os apeiros de labranza que se vendían no San Froilán, cunhas «palabras que xa non existen porque xa non hai as cousas que nomean». 

A tractorada, no pregón 

Os recordos servíronlle a Darío Xohán Cabana para reflexionar sobre o presente, no que «Lugo xa non é a capital agraria de Galicia», a pesar de ter facultade de Veterinaria e graos forestais. ¿Por que? Entre outras cousas, porque «un monocultivo leiteiro invadiu a nosa terra», ao igual que os eucaliptos ou os lumes. Esa realidade quedou palpable na tractorada que hai unhas semanas rodeou a Muralla. Por iso reivindica o escritor esa Galicia, ese Lugo, con «hortas cargadas de cebolas, grelos e tomates», cunha «potente primavera, un verán cumprido e un outono que se coroe no San Froilán de Lugo», as festas «máis fermosas do outono galego e de todas as estacións».

O remate do pregón non foi menos reivindicativo. Darío Xohán Cabana apelou á solidariedade da cidade de Lugo: «Entre nós -dixo- hai xente que vén buscar a vida que non ten no seu país natal (...) Esta cidade debe ser solidaria e actuar con «cortesía e respecto».