Manuel Regueiro Tenreiro, na memoria dos seus amigos

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Pouco antes de morrer, Regueiro Tenreiro non se quixo perder a homenaxe ao seu mestre Antonio Fraguas
Pouco antes de morrer, Regueiro Tenreiro non se quixo perder a homenaxe ao seu mestre Antonio Fraguas OSCAR CELA

Este luns preséntase na Biblioteca Provincial un volume de homenaxe ao profesor lucense

14 nov 2021 . Actualizado a las 12:08 h.

Gran parte da historia contemporánea do idioma galego pasou pola mans e a cabeza de Manuel Regueiro Tenreiro (Perbes, 1943-Lugo, 2019). Ben fose pola súa dilatada traxectoria como docente, como inspector de Educación, como director do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades ou como fundador da «Revista Galega de Ensino», a súa figura foi referencial a prol do ensino do galego.

Pero quizais o seu cargo de director xeral de Política Lingüística, entre os anos 1989 e 2000, fixo que o seu traballo tivese máis repercusión —incluídas as críticas dos grupos da oposición— e foi clave para defender un concepto que marcou o debate político sobre o galego durante anos no noso país: bilingüismo harmónico.

Un bo grupo de amigos deste docente e filósofo lucense estarán este luns, ás oito na Biblioteca Provincial, para asistir á presentación do libro colectivo «Manuel Regueiro Tenreiro. Harmónico bilingüismo, harmonía vital».

Ata oitenta persoeiros (amigos, alumnos, escritores, políticos, familiares...) amosan a súa visión e sentimentos para trazar unha visión panorámica, poliédrica, do profesor Regueiro Tenreiro. O volume, que foi preparado polo Colectivo Egeria, está feito, din os seus impulsores, desde o corazón

«Ao producirse o seu pasamento os amigos soubemos que non podíamos despedilo doutro xeito que cunha web e un libro que resalten, a través de diversas achegas dos que o coñecemos e queremos, os aspectos máis destacados dunha personalidade tan rica en matices», din os promotores do libro.

No acto do serán deste luns 15, onde se entregará un exemplar a cada persoa que acuda, participarán Paco Martín, Miguel Ángel Martínez Quintanar, Jaime Santoalla, Antonio Prado Gómez, Xulio Xiz, Maite Pérez González e Valentín García.