Investigadora, divulgadora e docente, esta luguesa puxo en marcha o laboratorio de micoloxía da Universidade de Vigo, que dirixiu ata a xubilación, en agosto. E creou a empresa MycoGalicia Plantae, coa que promove aproveitamentos do monte innovadores e sostibles, máis aló do forestal
14 nov 2021 . Actualizado a las 11:07 h.Marisa Castro Cerceda naceu no barrio da Ponte, «na cidade de Lugo, pero no mundo rural», hai 65 anos. Licenciouse e doutorouse en Ciencias Biolóxicas na Universidade de Santiago (USC), da que se foi porque a botaron —«cun grupo de persoas que non nos adaptabamos ben ás habilidades do catedrático de Botánica»—. Entrou na Universidade de Vigo cando se fundou, hai 31 anos, como profesora axudante. «Quería quedarme porque me gustaba a investigación e, sobre todo, a docencia, sempre me fascinou o mundo da divulgación e a formación», explica. Alí puxo en marcha o laboratorio de micoloxía, co que segue colaborando, codirixindo varias teses. E hai uns anos montou unha spin-off asociada ao grupo de investigación da universidade, MycoGalicia Plantae, da que é directora científica.
—Cantas especies de fungos hai en Galicia?
—No mundo estímase que hai arredor de dous millóns fungos (tanto os que son produtores de cogomelos coma os que non) e cen mil deles están descritos. En Galicia calcúlase que existen 2.500 tipos de fungos produtores de cogomelos. Especies comestibles, deixando ao lado as que non son tóxicas pero teñen pouco valor gastronómico, preto de 25, algunhas moi populares coma as cesáreas, níscaros, zarrotas, sendeiriñas, andoas, coliflor de monte, cantarelos, trompetas, pantorras ou lingua de ovella.
—O seu é o único laboratorio...
—O Centro de Investigacións Forestais de Lourizán tamén tivo un grupo importante, pero todo está ligado a persoas, e cando se xubilou Francisco Fernández de Ana Magán desapareceu como tal. Como pasará seguramente nuns anos en Vigo, quedarán residuos... Non hai pouso de traballo para os micólogos, compiten con calquera outro botánico. Teño un discípulo en Canadá, é un dos mellores micólogos do mundo e marchou de Vigo porque non había praza para el.
—Dirixe unha «spin-off». Que tipo de traballo fan?
—Temos varias liñas de investigación: a divulgación científica; a biotecnoloxía, sobre a utilización de materiais e produtos resultantes dos cogomelos; e forestal, sobre os aproveitamentos micolóxicos, coma o deseño e a xestión de coutos micolóxicos. É unha base máis para poder desenvolver certas experiencias, levalas ao campo. Estamos cun proxecto de destrución de tocós para producir cogomelos, outro sobre cogomelos de especial interese alimenticio, que se empregan como complementos para o tratamento dalgunhas patoloxías. Estamos intentando crear produtos que sexan rendibles: materiais que se poidan utilizar como téxtil ou coiro, coutos micolóxicos que funcionan, sobre todo para comunidades de montes, poñémolo en marcha e pódenos rendibilizar. A spin-off naceu para a investigación aplicada, que haxa unha rendibilidade para a xente, facer país. Nunha plantación forestal non só é importante a madeira. Como podo conseguir unha remuneración? Pódense aproveitar as plantas aromáticas, as medicinais, os cogomelos, os froitos silvestres, paseos regulados e guiados por alguén que ensine que hai alí e para que serve...
—Poden ser rendibles os cogomelos? Hai mercado?
—José Posada, fundador de Marrón Glacé, díxome no 2012 que os cogomelos, no outono, supoñían vinte millóns de euros para a súa empresa. En Galicia hai algunha empresa máis, pero non moitas; si hai intermediarios que funcionan e vai moito material para Barcelona, Madrid... Teñen mercado. Coñezo un caso en Bragança, en Portugal, dun señor que saca 35.000 euros libres ao ano, ten moitas hectáreas e contrata persoal para apañalos. A el danlle moito máis que a castaña.
—Quizá teriamos que deixar de falar de afección ás setas.
—Unha afección é velas, pero non collelas para comer. A lei galega só permite coller dous quilos por persoa e día, e moita xente estaas roubando en fincas alleas. Hai unha lexislación micolóxica, o Código Civil e a Lei de montes... e a xente ten que entender que vai ter que pagar polos cogomelos. Non se me ocorre meterme nunha zona de marisqueo coller baldes de ameixas porque me gustan moito... É o mesmo.
«As cabezas máis potentes da micoloxía en España son femininas»
A. F. C.
«Na micoloxía, como ciencia, hai moitas mulleres», comenta Marisa Castro. Non era así cando ela empezou: «Daquela sempre dicía que era ‘bendita entre todos os homes´. Era moi noviña e todo eran facilidades. As trabas viñeron na universidade, e non só de homes... pelexar por unha praza, daba igual homes ou mulleres. O mundo da botánica é moi feminino, nós somos moi constantes, moi traballadoras, e iso os homes non o levan ben, eles son máis de organizar». En todo caso, resume, «hoxe, as cabezas máis potentes da micoloxía en España son femininas».
—A súa foi a terceira tese sobre micoloxía en Galicia.
—Si, no 1980 só había unha tese de doutoramento realizada en Galicia, polo veterinario madrileño Mariano García Rollán. Despois foi a de Luís Freire, o meu mestre e compañeiro, e logo a miña. Ata agora presentáronse dez teses doutorais e hai outras cinco en realización, sen contar as de licenciatura e traballos de fin de grao e mestrado.
—En Galicia van 60 anos de divulgación micolóxica...
—Fomos a comunidade que mellor o fixo, con pequenos grupos, sempre ligados a persoas. Pero cando esa persoa falece non seguen adiante... Temos o Grupo Micolóxico Galego e a Sociedade Micolóxica Lucus. Teñen cadansúa revista, a do Grupo Micolóxico Galego leva desde 1998, cen por cen en galego, distribúese por todo o mundo. É unha teima miña, facer país, a lingua val para falar de ciencia. A maioría das asociacións non teñen dedicación tan fonda á investigación, por deberíanse chamar micofílicas, non micolóxicas.
—Que é un miconaturalista
—A micoloxía é unha ciencia. Por beber viño non es enólogo, por coller setas non es micólogo. Un micófilo ou miconaturalista, por non chamarlle ‘come-setas´, é unha persoa que sabe identificar unhas cantas setas. Iso non é investigación, igual que un paxareiro non é ornitólogo.
—Parece difícil inculcarlle á xente que non se poden coller setas nun monte alleo.
—Aí é onde entra a divulgación científica, que non se pode limitar a ‘esta seta cómese ou non´. Ten que tratar tamén as funcións, de quen é a propiedade e como se pode aproveitar, que interese ten o aproveitamento feito doutra maneira.