Baldo Martínez abre en Lugo o Santjazz Fest

LUGO CIUDAD

Baldo Martínez actuará o venres na Sala Tebras.
Baldo Martínez actuará o venres na Sala Tebras. CEDIDA

Caldiae Factoría Cultural organiza para os días 24, 25 e 26 concertos, charlas e ceas arredor da música jazz

21 sep 2021 . Actualizado a las 11:20 h.

Todo listo para a Semana Santjazz Fest, o festival de jazz que organiza do 24 ao 26 Caldiae Factoría Cultural. Concertos, charlas e ceas arredor do jazz terán lugar esta fin de semana na Sala Tebras e no Restaurante Vexetarian. As entradas para os concertos están á venda en caldiae.gal.

VENRES 24

· 20.30h. Charla, de balde, co programador, divulgador e crítico musical Mario Benso, «O jazz no século XXI: tradición en transición». Auditorio Caldiae. Ata completar aforo (90 persoas).

· 22.00h. Cea-Coloquio Mario Benso. Restaurante Vexetarian. Ata completar aforo. (40 persoas).

· 00.00h. Concerto de Baldo Martínez Trío, na sala Tebras.

Baldo Martínez é un destacado músico dentro das correntes do Jazz contemporáneo europeo. Agora presenta o novo proxecto Triskel Trío, unha visión da música desde a formación de trío de piano, co pianista asturiano Jacobo de Miguel e a percusionista galega Lucía Martínez.

SÁBADO 25

· 22.00h. Cea?Concerto Foolmakers no restaurante Vexetarian.

Grupo formado no 2013 por catro psiquiatras do HULA (actualmente quedan dous) que se xuntaron co baixista Carlos Doval. Ofrecen concertos con temas do seu disco «Un polbo en San Froilán», composto por standards de jazz traducidos ao galego e adaptados á «realidade galega» cun importante compoñente humorístico, pero tamén adaptacións como a da copla «La bien pagá» pasada polo jazz e convertida en «O ben pagao», ou o clásico do soul «Me and Mrs. Jones» convertido en «Eu cun de Friol». O grupo está formado por Paula Cores, voz; Luís Vila, piano; Sergio Abuín, guitarra; José Angel Sánchez, batería; e Carlos Doval, baixo.

· 00.30h. Concerto Nani García Trío.

Dani García volve á primeira liña da escena musical contemporánea recuperando o seu emblemático trío de jazz, un proxecto co que nos 80 conseguiu anovar o panorama jazzístico galego. Ademais do piano de Nani, o trío complétase co contrabaixo de Simón García e a batería de Miguel Cabana.

DOMINGO 26

· 20.30h. Concerto Ariel Brínguez Quinteto.

Saxofonista, profesor, compositor e arranxista, graduado na Universidade das Artes da Habana. Conta con dous Grammys norteamericanos colaborando con Chucho Valdés e Alejandro Sanz en «El tren de los momentos». Ten tres álbums de estudo: «Raíces en Colores», «Nostalgia Cubana» e « Experience», e proxectos persoais como Nostalgia Cubana; Experience; Jazz about Bach; Alma en Cuba; Esencia; Jazzing the classics; ou Renacimiento. Estará acompañado por Georvis Pico, Pablo Gutiérrez, Javier Sánchez e Reinier Elizarde «El Negrón».