Nos brazos da técnica

Xulio Xiz

LUGO CIUDAD

21 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Á pregunta de como obter entradas para a Semana de Cine, respostei que había que facelo a través da páxina web. E cando me confesaron: «E que eu non uso internet», non souben que dicir. Agora sei que vai abrir a taquilla do Auditorio con este fin, pero quedei preocupado.

Preocupado pola dependencia de internet, de xeito que os que agora están fóra da Rede son coma os iletrados de outrora, e se esto comezou timidamente e nos conquistou pouco a pouco, os ordenadores teñen invadido os domicilios e esferas de acción de todos nós. E os correos electrónicos impuxéronse, arredando chamadas e visitas, de xeito que se ao comezo un podía recibir ou enviar un par deles ao día, na actualidade contámolos por centos en persoas dunha actividade normal.

Coñeciamos o significado dun corte de enerxía ou de estradas, e sentíamonos fóra do mundo se non recibìamos xornais, non podíamos escoitar a radio ou non recibiamos as imaxes da vida no mundo. Iso pasa agora cando «cae» internet e quedamos totalmente fóra de xogo.