Isabel Pérez Dobarro, pianista: «Presentamos en Lugo unha homenaxe ás grandes mulleres da nosa cultura»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Isabel Pérez Dobarro é unha das artistas que presenta no Círculo das Artes o espectáculo «Mulleres mirando ás mulleres»
Isabel Pérez Dobarro é unha das artistas que presenta no Círculo das Artes o espectáculo «Mulleres mirando ás mulleres» CEDIDA

Catro artistas presentan o sábado 18 no Círculo das Artes o espectáculo «Mulleres mirando ás mulleres»

17 sep 2021 . Actualizado a las 17:34 h.

O espectáculo «Mulleres mirando ás mulleres» chega o sábado 18 (20.00 horas) ao Círculo das Artes de Lugo, con entrada de balde. A compositora e pianista Julia Dopico, as violinistas Raquel e Sara Areal e a pianista Isabel Pérez Dobarro darán vida a este proxecto que une música e literatura. Trátase dunha homenaxe ás figuras de Rosalía de Castro, Eugenia de Osterberger, Fanny Garrido ou Maruja Mallo, entre outras. A compostelá Pérez Dobarro, profesora na London Performing Academy of Music, está ilusionada con este concerto.

-Como xurdiu esta idea?

-Partiu da invitación que recibimos para participar no prestixioso Simposio de Estudos Galegos de Estados Unidos, onde se reúnen expertos da lingua e cultura galegas das universidades máis importantes do mundo, como Princeton ou Harvard. Alí presentamos este proxecto, ademais de facer dúas conferencias sobre Eugenia de Osterberger e a muller na música. A recepción foi tan boa que trouxemos a iniciativa a Compostela hai dous anos. Agora estamos moi ilusionadas de levala a outras catro cidades galegas.

-En que consistirá a actuación?

-Presentamos unha homenaxe ás grandes mulleres da nosa cultura. Comezaremos coa música das Cantigas medievais, cunha obra para piano de Julia Dopico inspirada en María a Balteira. Unha peza que combina alegría, tristeza, esperanza e misterio e que nos traslada maxistralmente a tempos pasados. De alí, recordaremos a Rosalía coa obra Miña Estrela para violín e piano, tamén de Julia Dopico inspirada nos versos da nosa grande escritora. Seguiremos con En-Re-Do, da compositora contemporánea Margarita Viso, toda unha mostra da calidade da nosa música actual. De aí pasaremos a A bordo, transcripción da canción composta por Marcial del Adalid con versos da gran poeta Fanny Garrido. Seguiremos cun ciclo dedicado a Eugenia de Osterberger, compositora compostelá do século XIX, unha gran descoñecida ata hai uns anos, pero artista de inmensa calidade, cunhas transcricións das súas cancións en versión de violín e piano, así como unha obra de piano solista. E remataremos coa brillante Cores do Ar de Julia Dopico dedicada a pintora Maruja Mallo. Todo un percorrido pola nosa historia artística da man de grandes mulleres da nosa terra.

-Como elixiron ás homenaxeadas?

-Foi un longo proxecto de investigación, pero tentamos dar unha imaxe de distintas épocas e disciplinas artísticas que reflictan a variedade e riqueza da nosa cultura.

-Por que lugares vai a xira?

-Comezou en Ferrol e segue en Lugo [sábado 18], un concerto que nos fai moitísima ilusión. No meu caso, é a primeira vez que toco como solista e en música de cámara na cidade, así que estou moi emocionada. É unha cidade á que adoro. O 24 estaremos en Ourense e o 25 en Pontevedra.

-Como ve a situación das mulleres galegas nas artes?

-Creo que non é doado xeralizar. Galicia ten sido e é terra de grandes escritoras dende o século XIX. Porén, no ámbito da composición é agora cando se lles está dando máis oportunidades. Osterberger foi rara avis no seu tempo, de aí que quixeramos reinvidicar a súa figura. Queda moito por avanzar todavía en determinados sectores da cultura.

-Que outros proxectos ten?

-Estou facendo unha homenaxe internacional a Pauline Viardot García, compositora hispano-francesa da que se celebra o bicentenario. Esta homenaxe implica dous discos que se van presentar nos próximos meses, un solista coa compañía inglesa Toccata Classics, e outro de voz e piano con Cezanne Produccións. Faremos conferencias na universidade de Harvard, New York University, fixemos xa na de Costa Rica e concertos no Real Alcázar de Sevilla, Teatro Jovellanos, Instituto Francés, Museo do Romanticismo, e en Francia e Inglaterra. Por outro lado, estou moi feliz de ser nomeada profesora na prestixiosa London Performing Academy of Music. E tamén teño concertos con orquestra, estreando ou tocando por primeira vez en España obras de compositoras. Entre elas, a Orquestra de Pontevedra, coa que celebrarei o Día da Muller en marzo interpretando o concerto de Clara Schumann.