Así medra o bosque urbano de Lugo

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Durante agosto e setembro haberá visitas guiadas ás parcelas plantadas

07 ago 2021 . Actualizado a las 18:58 h.

No polígono industrial de As Gándaras non só hai naves e empresas, tamén hai un bosque emerxente de frondosas, un souto que comeza a medrar, un terreo repleto de plantas aromáticas e medicinais que xa prenderon, e mesmo un arborétum con especies leñosas que acolle nun feixe de hectáreas ata oito tipos de bosques galegos. Esta concentración verde forma bosque urbano que o Concello de Lugo impulsa na zona industrial dentro do proxecto Life Lugo+Biodinámico, e que por primeira vez se pode visitar libremente.

Dende onte, e durante os meses de agosto e setembro, as catro zonas que integran o proxecto estarán abertas ao público os venres, sábados e domingos entre as 9.30 e as 19:30 horas, e eses días organizaranse ademais visitas guiadas en distintas quendas para todos os que queiran coñezan de primeira man eses espazos verdes. Superada a fase de implantación das especies, xa é posible ver como medran e comezan a facer seu un entorno baleiro ata hai poucos anos. Unha zona na que xa están mellorando os indicadores ambientais ademais de servir de refuxio á biodiversidade da zona.

O arboretum acolle unha pequena representación de oito bosques galegos diferentes
O arboretum acolle unha pequena representación de oito bosques galegos diferentes Carlos Castro

Catro hectáreas é a superficie que ocupa a parcela destinada ás árbores frondosas e á silvicultura. Atópase a uns metros da nave de Decathlon e nela conviven catro especies: cerdeiras, carballos, pradairos e freixos distribuídos en marcos de plantación de 3x3 metros. Coa aposta por estas especies o que se pretende é demostrar a súa validez para producir madeira de calidade, aínda que esixan algo máis de paciencia. Como explican durante a visita guiada, a quenda de corta da cerdeira estímase nuns 40 anos, a de pradairo e freixo entre 40 e 60, e a de carballo, cando a árbore cumpriu máis de 40. De crecemento máis rápido son os chopos, que tamén ocupan unha parte do entorno e que se poden cortar cando teñen 15 anos. E tamén na parcela hai plantados miscanthus, que en canto medren catro metros poderán comezar a cortarse unha vez ao ano e que, ao igual que os chopos, están pensados para servir de alimento á caldeira de biomasa de Frigsa o día de mañá.

Nas visitas guiadas ás plantacións do Life, tamén se coñece o souto no que se plantaron ata 5 variedades de castiñeiros e nos que se apostou tamén pola hibridación para facer fronte á tinta. Descóbrese como as especies medran paseniño pero fortes.

Nunha parcela próxima atópanse as plantas aromáticas e medicinais: loureiro, lavanda, artemisa, ruda, romeu... e así ata nove especies con diferentes usos que tamén se poden coñecer grazas aos paneis que acompañan a plantación. E, para rematar a visita, o arboretum de especies leñosas, unha parcela de máis de cinco hectáreas que da acubillo a 55 especies diferentes de árbores e arbustos autóctonos de Galicia cunha distribución que simula oito bosques diferentes: un de ribeira, un cerqueixal, un mediterráneo, unha carballeira, un faial, un bosque mixto e un bidueiral. Unha inmersión na natureza na que aprendizaxe e lecer van da man.