«Ao construír a Muralla preocupáronse de que os fornos quedaran dentro»

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Obradoiro oleiro localizado na Rúa San Froilán no ano 2020
Obradoiro oleiro localizado na Rúa San Froilán no ano 2020 ALBERTO LÓPEZ

As investigacións arqueolóxicas en Lugo poñen en valor a importancia que a olería tiña en Lucus Augusti, que foi unha potencia oleira no noroeste peninsular

01 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada fragmento de cerámica que se localiza nas escavacións arqueolóxicas axuda a explicar a historia dese lugar. É un vehículo idóneo para datar e contextualizar, de aí a importancia que lle dan os especialistas. Na historia de Lugo, a súa fabricación tivo unha importancia capital, posto que os arqueólogos estiman que dende o século I, e ao longo duns 600 anos, Lucus Augusti foi unha cidade produtora de olería. Tal era a relevancia deste sector, que os entendidos decatáronse nos últimos tempos que mesmo a construción da Muralla respectou ao gremio.

«Durante moito tempo a produción oleira foi unha actividade económica que probablemente era a máis importante da cidade. Do Lucus Augusti que coñecemos, máis dunha terceira parte era destinado á produción de cerámica», explica o arqueólogo Roberto Bartolomé, especialista na materia. «Localizamos moitos restos que ían dende os séculos I ata III en toda a zona que vai dende Ánxel Fole ata a Rúa Nova relacionados coa produción oleira. É dicir, ao norte do foro romano, moi preto do núcleo administrativo. Logo, construíse a Muralla a finais do III e cremos que, mentres que deixaran fóra do recinto edificios nas zonas sur e leste, a área norte, onde non había edificacións, senón que era zona artesá, quedou dentro. É dicir, preocupáronse de que os fornos quedasen intra muros», describe Bartolomé.

Isto, que pode parecer anecdótico, pon en contexto a relevancia daquela industria artesanal no Lugo romano. «Estamos dándonos conta de que iso afectou á construción da Muralla. Agora estamos vendo que eses fornos non pararon de producir no século III, seguiron funcionando ata mediados do século IV e inicios do V. Coidaron a industria durante a construción da Muralla, e seguiron producindo cerámica varias centurias», abunda.

Máis tarde, aló polo século V, déronse máis cambios urbanísticos e houbo fornos que se taparon, pero isto non fixo que desapareceran, senón que xurdiron noutras zonas da cidade, como o Carril do Moucho, O Carme ou A Tinería. «En época sueva ou visigoda trasladáronse e xa producían outro tipo de cerámica, gris, coa mesma arxila micácea, e así seguirían ata o século VI».

El arqueólogo Roberto Bartolomé, al pie de la Muralla
El arqueólogo Roberto Bartolomé, al pie de la Muralla OSCAR CELA

O feito de que respectaran os fornos durante a construción da Muralla deixa ver a importancia que tiña aquela industria, e tamén da pistas de que os oleiros probablemente eran xente con certo poder ou relevancia en Lucus Augusti. Xeraba un movemento económico notable non só nas proximidades, senón tamén máis aló dos límites do chamado convento lucense, a área administrativa romana. O feito de que se localizasen numerosas pezas de engobe vermello de Lugo en zonas como Zamora, Astorga, Asturias, A Rioxa, País Vasco, Burgos, Aragón, Palencia, Braga, e mesmo Toledo fala desa relevancia comercial.

Unha artesanía con modas

Para sacar adiante o que foi un próspero negocio de produción de artesanía, fixeron falla instalacións. «Hai máis de 40 fornos oleiros descubertos nas escavacións urbanas, e se se escavaran todos os solares, xurdirían moitos máis. Tamén se localizaron as zonas das barreiras, os talleres asociados, os de secado, os patios aos que chegarían os carros coa leña. Saíron restos dun disco dun torno, pulidores de pedra e utensilios», enumera Bartolomé. A riqueza arqueolóxica relacionada coa olería na cidade é inmensa, e os especialistas teñen claro que aínda queda moito por descubrir.

A cerámica narra a historia dunha civilización grazas aos cambios que foi experimentando co paso do tempo. É dicir, as modas. No caso de Lucus Augusti, a máis característica é o chamada engobe vermello, feito cunha pasta moi micácea que se conseguía nos arredores da cidade. «Co paso do tempo cambiaron os tipos de cerámica, as olas, os vasos, as xerras, as fontes, os pratos. Houbo algunhas olas e fontes que permaneceron, pero a maioría non foron estáticas», describe o arqueólogo.

O engobe lucense inspirouse inicialmente no pompeiano, e estaba ideado nun principio para que a comida non se pegase cando se metía no forno. «En Lugo comezaron a imitar ese engobe ponpeiano no século I e chegou ata o V, pero ese engobe de Lugo acabou tendo identidade propia na cerámica común», describe Roberto Bartolomé.

Cando os romanos chegaron ao que sería Lucus Augusti, os galaicos xa producían cerámica, pero con outro facer e outros gustos. Parte do seu xeito de traballar tamén se incorporou á creación romana, como era a decoración feita con espátula. «Mantiveron algunha tendencia decorativa, como a espatulada, e houbo etapas nas que tamén se imitaba a cerámica de luxo de importación», explica o arqueólogo.