«A Banda de Lugo debería ser o buque insignia da música da cidade, de Xoán Montes ou Freire»

l.g.c. LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

22 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

David Fiúza (Vila de Cruces, 1985), a pesar de que aínda non sabe se quedará definitivamente como director da Banda de Lugo, ten moi clara a folla de ruta que quere seguir para sacar adiante o que considera unha responsabilidade.

-Cales serán os primeiros pasos?

-Coñecer internamente como está funcionando todo e a partir de aí ver como se pode optimizar o servizo. Hai que coñecer ben cada compoñente da agrupación, cada músico funcionario, e tamén como está marchando a Escola de música. Empezar a facer ensaios e ver cales son as posibilidades sonoras e as de realización para ir programando xa concertos.

-Non é chegar e dar partituras.

-Se fora unha agrupación que estivera mantendo unha actividade constante ata agora, que xa sabes como está funcionando, poderíase, pero como non é o caso, primeiro hai que coñecela ben.

-Se se queda, cal será a primeira peza que lle gustaría interpretar coa formación?

-A plantilla de músicos que hai vai condicionar radicalmente a programación. É difícil pensar en obras en concreto neste momento, pero está claro que a Banda de Lugo debería ser buque insignia da música que se escribiu na cidade, tanto Xoán Montes, como Gustavo Freire, e moitos outros que pode haber.

-Cal é o número mínimo de músicos que necesita unha banda?

-Calquera agrupación sinfónica, como pode ser unha banda, con menos de 35 é moi difícil poder programar algo. O ideal é unha agrupación de 50 persoas. A partir de aí podes chegar posiblemente a un 75 % do repertorio escrito para banda, con menos diso seguramente estás por debaixo do 25 % para facer o repertorio bandístico dignamente.

-E cando lle gustaría vivir ese primeiro concerto?

-Pois estaría ben que no San Froilán a banda estivera facendo a súa función nas festas da cidade. Se antes se pode facer unha especie de pretempada con concertos na rúa, sería fantástico.