Medio Rural destina 329.120 euros á mellora de vías en seis parroquias do rural lucense

La Voz LUGO

LUGO CIUDAD

Lara Méndez y Miguel Fernández
Lara Méndez y Miguel Fernández LAURA SAAVEDRA

Os traballos levaranse a cabo en Tirimol, San Mamede, Calde, San Pedro de Mera, Poutomillos e Camoira

15 jul 2021 . Actualizado a las 18:04 h.

A xunta de goberno local de Lugo vén de aprobar a apertura dos procedementos de contratación da mellora de estradas en 6 parroquias do rural. O Executivo de Lara Méndez desenvolve estas actuacións ao abeiro do Plan Único de Cooperación entre a Deputación Provincial e os Concellos. Os traballos de mellora e rexeneración do firme levaranse a cabo nas estradas de Tirimol, San Mamede, Calde, San Pedro de Mera, Poutomillos e Camoira.

O edil de Medio Rural, Miguel Fernández, sinalou que «as intervencións, que alcanzan no seu conxunto un investimento de 329.120 euros, beneficiarán directamente ao redor dun milleiro de veciños e veciñas». Tamén lembrou que destinaron preto de 2,5 millóns de euros a acondicionar as infraestruturas e incrementar os servizos no rural, co obxectivo de «asentar poboación, mellorar a seguridade viaria dunha trintena de estradas, ampliar as redes de abastecemento en varios núcleos, así como os puntos de luz».

Os labores de acondicionamento realizaránse na estrada municipal dende O Vilardón ao límite municipal co concello de Outeiro de Rei, na vía que vai de Conturiz a Cadoso, na N-540 á estrada de Bazar e na N-540 ata o núcleo de O Corral de Abaixo. Do mesmo xeito, tamén se mellorarán as estradas da LU-P-2901 á Igrexa de San Pedro de Mera, a vía LU-P-2901 á LU-P2901 en Poutomillos e a estrada municipal da Igrexa de Camoira ao núcleo de Maira. Estas obras engádense ás licitadas a semana pasada, tamén ao abeiro do Plan Único, que tiveron lugar na LU- P-2903 e na Nacional 640.