07 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O interesante das sentenzas xudiciais, máis aló da súa función de nutrir a sección de noticias, reside en que poden servirnos para comprendermos a complexidade da natureza humana. A sociedade revélase nas súas accións (nomeadamente naquelas que rematan nun xulgado) e por iso coido que sería útil reparar hoxe na condena a un home que, logo de cinco anos de relación con outro, cando chegou a ruptura, encheu a rúa de comentarios homófobos contra a súa exparella alcumándoo, entre outras cousas, de “puto maricón”.

Polo visto, a dor, que anula o noso control consciente, non lle permitiu decatarse do irónico e absurdo do insulto. No intre máis difícil, recorreu a un tópico homófobo que, sen dúbida, terá escoitado moitas veces e que probablemente o magoou no pasado. Así somos. Seres sociais que interiorizamos os discursos, mesmo aqueles que nos mancan. Por iso, si, as mulleres podemos ser machistas; os galegos podemos desprezar a nosa lingua e a nosa cultura e un homosexual pode insultar a súa exparella chamándolle «puto maricón». E, por suposto, haberá negros que insulten a outros negros tildándoos de «negros de merda». Mais isto, que se emprega decote para desvalorizar as diversas loitas pola igualdade, o que demostra é a forza dos discursos discriminatorios. Por iso me resultan inquietantes os letreiros de “¡«Espazo libre de violencias machistas», porque mesmo os activistas de calquera subalternidade poden agochar, no subconsciente, a semente do mal que se lles inoculou sendo cativos.

Cómpre desconfiarmos ata de nós mesmos. Os discursos da discriminación son como programas ocultos que poden permanecer larvados e activarse ante un detonante para amosarnos no espello a nosa face deformada. Como a dese home que viu estampado na parede, pola súa propia man, un insulto contra si mesmo.