Máis de mil «clicks» contan en Lugo a historia de Galicia

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

A exposición «A historia da Galiza, a golpe de click», pode visitarse ata o 16 de setembro no MIHL. Os dioramas fan un percorrido didáctico e en clave de humor dende o Xurásico ata o Medievo

07 jul 2021 . Actualizado a las 13:20 h.

Nada máis ameno para achegarse á nosa historia que facelo a través de xoguetes, cunha coidada posta en escena chea de detalles. Así se presenta a exposición A historia da Galiza, a golpe de click, que recrea diferentes episodios do pasado galego, desde o Xurásico ata o Medievo, cos famosos clicks (como se lles coñece aos bonecos playmóbil), e da que se pode gozar no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) ata o 16 de setembro, aínda que esta data podería ampliarse ante o éxito que está tendo a mostra. A entrada é de balde, e todas as persoas que visiten a exposición poderán escoitar unha audioguía escaneando o código QR habilitado en cada zona.

A mostra é inédita e foi especialmente creada para Lugo, aínda que non se descarta que se poida contemplar máis adiante noutras vilas. Son uns mil bonecos -e innumerables pezas máis- os que compoñen os cinco dioramas nos que se divide a exposición, organizada por Aesclick (Asociación Española de Coleccionistas de Playmóbil), unha proposta lúdica e formativa para toda a familia.

A idea partiu da concellería de Cultura de Lugo. «Encargáronnos recrear, en diferentes etapas, a historia de Galicia ata o Medievo, utilizando elementos de playmóbil», explica Xabi Salgueiro, de Aesclick. Deste xeito, os visitantes poden percorrer, dunha maneira espectacular e divertida, a historia galega a través dun dos xoguetes máis populares da infancia: o Xurásico, o Paleolítico, a época castrexa, a romanización e, no diorama máis grande, de 20 metros cadrados, a Galicia baixomedieval (arredor do ano 1.000).