Conclúen en Lugo cinco días de feiras, obradoiros, «escape rooms» e prácticas clínicas

Lucía Blanco / M. G. LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Cans robóticos e humanoides formaron parte das exhibicións na EPSE
Cans robóticos e humanoides formaron parte das exhibicións na EPSE cedida

As experimentacións científicas e as exhibicións robóticas achegaron ao alumnado aos graos ofertados na cidade

04 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«A USC foi vítima dun ataque informático que bloqueou os seus principais sistemas». Así comezaba unha das cinco actividades da primeira XuvenFeira, a principal novidade da novena edición do Campus de Verán Xuvenciencia. Tras unha serie de xogos e adiviñanzas a través dos que o alumnado, dividido nos dez proxectos nos que se distribuíra o campus para manter os grupos burbulla e estremar as medidas de seguridade, se infiltrou na web da Facultade de Administración e Dirección de Empresas para intentar identificar aos hackers. Tras superar ditas probas, os participantes obtiñan un código de catro díxitos que lle daba a vitoria ao equipo que completara a proba no menor tempo. A pesar de ser «algo estresante», como conta Eva, unha das participantes do proxecto Estratexias para o desenvolvemento dunha idea, o escape room celebrado na facultade de ADE deixou moi bo sabor de boca e daba inicio a toda unha xornada na que tampouco faltaron os obradoiros sobre o poder divulgativo das redes sociais e as prácticas no laboratorio.

Ao escape room, unha das propostas ofertadas máis esperadas, seguíalle uns obradoiros na facultade de Ciencias nos que aprenderon sobre o proceso de desnatado do leite e mesmo foron quen de realizar unha esferificación. O alumnado moi atento e colaborativo puido afondar máis na formación universitaria grazas aos monitores voluntarios coma Patricia, estudante de Enxeñaría Industrial na UVigo, que lles explicou o seu grao para que coñeceran de primeira man «que saídas ten, o que poden facer e tamén onde o poden atopar».

Deste xeito, a iniciativa converteuse, en palabras de Mercedes Novo, profesora do departamento de Química Física da USC e coordinadora principal do Grupo de Innovación Docente XuvenCiencia, «nunha plataforma inmellorable para dar a coñecer unha faciana atraínte das titulacións do Campus de Lugo, sobre todo daquelas que comezan a súa andaina no curso entrante». É o caso de Xestión Cultural que se implantará no vindeiro curso, ou doutros graos coma Robótica, Bioquímica ou Empresa e Tecnoloxía que comezaron a súa andaina nos últimos dous anos.

Mostras de robótica

Ademais da facultade de ADE e da de Ciencias, a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría foi outro dos escenarios desta xornada. Nela os rapaces puideron ver os robots cos que contan no centro, algúns deseñados polos estudantes de segundo curso de Robótica, e as utilidades e os problemas que estes aparellos poden solucionar na nosa vida diaria.

Aínda que as visitas a empresas non foron posibles debido á situación actual, a XuvenFeira tamén achegou aos estudantes ao Hospital Veterinario Rof Codina para ver como é o traballo diario dos especialistas. Ademais, malia ser un campus orientado a rapaces con intereses na ciencia, o gusto polas letras tamén tivo o seu espazo nesta edición.

Obradoiro de Tik Tok

Este ano era o segundo no que contaban de novo cun obradoiro de Xornalismo no que os rapaces puideron aprender máis sobre a divulgación científica. Así que no programa non se esqueceron de incluír un obradoiro sobre as posibilidades divulgadoras de Tik Tok no que fixeron un percorrido polas novas tendencias e realizaron un currículo académico en formato vídeo.

En xeral, na XuvenFeira todos os participantes «estiveron moi motivados facendo as actividades», conta Carla, monitora de Lumieira que os acompañou toda a semana. Tanto foi así que para moitos a fin do campus era unha auténtica bágoa como para Adrián, participante do obradoiro de Xornalismo, que recoñece que «cinco días non son suficientes, ten que durar máis!», exclamou.

Un robot que conta a historia da Guerra das Galaxias

A mostra de róbotica na EPSE que contou con algúns dos aparellos deseñados polos estudantes de segundo curso de Robótica, deixou abraiados a moitos rapaces. En especial, a exhibición do robot Nao, un humanoide que é capaz de interactuar co entorno segundo fora programado e que contou a historia da Guerra das Galaxias foi unha das actividades que máis interesaron.