Póñame un máster

Xulio Xiz

LUGO CIUDAD

29 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Sendo eu moi novo, só as familias con posibles ou as sacrificadas ata o límite (era o meu caso) podían permitirse que os fillos estudasen. Maxisterio foi o caso de moitos, e o meu, que estudando en centro privado, viñamos examinarnos por libre a Lugo, na procura do título que nos abrise as portas do futuro. Pasaron os anos, e os estudos democratizáronse. E ao aumentar o número de títulos, foron sendo menos garantía de futuro. E quen aspirase a un determinado nivel, cursaba un doutorado para especializarse nunha materia determinada revalidada coa tese doutoral. E para completar a oferta educativa apareceron másteres moi especializados, con rango universitario, que aspiraban a ser chave social e laboral e catapultaban aos titulares a postos de goberno e responsabilidade.

Resultou que, aínda que pode haber trampas no progreso educativo, os másteres dependen algo máis da política das universidades, e sóubose de másteres cuestionables porque o centro abrise a man na concesión, e políticos hai con problemas na súa carreira por másteres discutibles e discutidos. O caso máis recente, en Moncloa onde se veñen de borrar tres títulos da ministra Yolanda Díaz por inexistentes. Nos anos 60, os títulos eran esenciais para acceder á cultura e á sociedade. Co tempo, soubemos que, á parte dos estudos regulados, o valor está nos coñecementos, experiencia e traballo. Pero algúns gobernantes son moi novos, con pouca experiencia para saber que pouco vale un título se o interior non responde. E que presumir dun máster inexistente, descalifica. Tempo ao tempo.