Lugo reivindica a loita contra a discriminación dos colectivos LGTBI+

la voz LUGO

LUGO CIUDAD

Solta de globos para lembrar o día do Orgullo LGTBI
Solta de globos para lembrar o día do Orgullo LGTBI Óscar Cela

Leuse un manifesto denunciando os ataques ás persoas que elixen a súa identidade sexual e unha solta de globos

28 jun 2021 . Actualizado a las 13:56 h.

A concelleira de Igualdade e Muller, Silvia Alonso, acompañada por membros da Corporación Municipal, asistiron este luns ao acto institucional organizado polo Concello de Lugo con motivo do Día Internacional do Orgullo LGTBI+ na Praza Maior. 

A edil destacou o firme compromiso por parte do goberno local «na loita polo respecto á diversidade e na defensa da dignidade das persoas, independentemente da súa orientación sexual ou identidade de xénero, e para iso é necesario avanzar na consolidación e na mellora dos seus dereitos». A concelleira aproveitou para recordar que este martes «o Consello de Ministros dará luz verde ao anteproxecto de lei LGTBI, un novo paso máis e importante nesta batalla pola igualdade». 

O manifesto deste ano polo día do Orgullo foi elaborado e lido por representantes da Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual de Lugo (ALAS). O manifesto incidiu na importancia de achegarnos a unha democracia realmente inclusiva e respectuosa coa diversidade e cos dereitos de todas as persoas. Tamén fixo fincapé na necesidade avanzar na plena visibilidade en todos os ámbitos e ratificar a necesidade de políticas a favor da diversidade sexual e a non discriminación. 

Solta de globos para lembrar o día do Orgullo LGTBI
Solta de globos para lembrar o día do Orgullo LGTBI Óscar Cela

Ademais, condenouse que, en pleno 2021, «certos grupos presentes xa nas institucións sosteñan discursos cheos de odio cara a distintos colectivos minoritarios, desexando unha sociedade máis inclusiva, máis diversa e baleira de odio». 

Este acto, que finalizou ca solta de globos biodegradables das seis cores da bandeira, pon o punto e final a uns días cheos de actividades organizadas en colaboración cos colectivos ALAS e Aqde. 

Durante toda a xornada, a bandeira LGTBI ondeará na fachada da Casa do Concello, «ante a necesidade de visibilizar o aumento dos actos homofóbicos nun 8,6 % segun o último Informe da Evolución dos Delitos de Odio, realizado polo Ministerio do Interior»