«A idea é fichar 5 ou 6 xogadores»

LUGO CIUDAD

ALBERTO LÓPEZ

O responsable deportivo do Breogán aboga por manter a metade do plantel do ano pasado

22 jun 2021 . Actualizado a las 20:21 h.

Un dos arquitectos deste Breogán que vén de acadar o ascenso a ACB é Tito Díaz. O director xeral do club fai unha análise do que foi a tempada e do que supón este salto de categoría para a entidade. Anuncia que unha vez que se concrete o tema financeiro e a presenza do Breo na ACB, poranse mans á obra para confeccionar o proxecto deportivo, que pasa por manter seis xogadores deste ano e fichar outros tantos.

-¿Que nota lle pon a tempada?

-Un sobresaliente. Foi unha tempada cun final feliz. Ademais de ascender fomos campións de copa, polo que se dixese que a campaña foi regular mentiría.

-E iso que tiveron menos recursos que a anterior.

-Partimos cun orzamento un 20% menor pola pandemia, pero con menos cartos fixemos un equipo bastante mellor que o do ano pasado. Ao noso favor xogou o feito de que coñecíamos máis a liga e tiñamos máis coñecemento do mercado de xogadores da LEB. Construímos un equipo con sete xogadores que xa ascenderan, moi polivalentes, e con adestradores como Epi e Javi Muñoz, que tamén deran o salto de categoría co Burgos e co Melilla. e tivemos sorte coas lesións. Sempre estivemos primeiros ou segundos na liga, e cando tropezamos, que foi moitas veces, levantámonos, e na final saíu o partido perfecto.

-¿Temeu polo ascenso nalgún intre da tempada?

-Si que pensas nalgún intre nesa posibilidade, pero se ascender era o noso obxectivo tamén tiñan o mesmo Coruña, Granada, Palencia e Valladolid. Hai que darse conta que Lugo era a poboación máis pequena e con menos recursos de todos os equipos que xogaban o play off. Hai que pensar que non eramos os únicos que queriamos ascender, e houbo que pelexalo. Pero Lugo é unha cidade de baloncesto, e institucións, patrocinadores e afeccionados apoiáronnos moito.

-¿Cal foi a clave do ascenso?

-A boa capacidade de resposta do equipo ante as derrotas. Pero eu quero facer fincapé en dous factores que foron determinantes na boa tempada. As capacidades técnicas dos xogadores uníronse as persoais. Ademais de bos xogadores eran bos deportistas no eido persoal. Foi moi dura a tempada polo covid, porque moitos vivían sós, e só saían da casa para adestrar, pero souberon adaptarse. Reunimos unha plantilla con moita calidade, formada por xogadores de equipo, que se apoiaban sempre e nas dificultades xuntábanse.

-¿Seguirá Epi como adestrador do Breogán?

-O primeiro que temos que ver e se podemos competir na ACB. Necesitamos un orzamento mínimo de 2,5 millóns de euros, o que supón dobrar o desta tempada. E antes do 15 de xullo temos que depositar 480.000 euros. E tamén se levará a cabo unha auditoría. Tamén nos preocupa o problema do aforo, e esperamos que poidamos ter público no Pazo. Agora coa vacina parece que todo vai a mellor, pero hai que esperar. A partir de aí xa tocará pensar no ámbito deportivo.

-Unha vez que todo isto estea resolto, ¿pode confirmar que Epi seguirá?

-O primeiro adestrador co que falaremos é con el. Sempre o fixemos así, e podo dicir que nos dous anos que levo aquí nunca falamos con ningún outro adestrador. Sempre tivo o noso apoio, incluso nos momentos máis complicados. Apostamos pola continuidade e iso foi clave para lograr a estabilidade que hoxe ten o club.

-¿Como será o proxecto de ACB?

-A primeira pedra deste proxecto será o adestrador. O consello marca a estrutura económica, e logo entramos nós. Despois, as incorporacións consensuámolas entre o adestrador e eu. Ten que haber acordo. Nós nunca ficharemos un xogador que non queira o adestrador, nin el nos imporá un reforzo. Somos un equipo, no que ademais do adestrador e eu, están Quique Fraga e Javi Muñoz. A idea que temos é manter seis xogadores da actual plantilla e incorporar 5 ou 6 fichaxes.